Catoira solicita a mellora da estrada Dimo-Coaxe para facela máis segura para os peóns

La Voz CATOIRA

CATOIRA

O alcalde Xan Castaño e a concelleira de Obras, Vanesa Pérez
O alcalde Xan Castaño e a concelleira de Obras, Vanesa Pérez

O alcalde Xoán Castaño insta á Deputación a retomar o proxecto redactado en 2017

06 abr 2024 . Actualizado a las 20:31 h.

O alcalde de Catoira, Xoán Castaño, solicita á Deputación de Pontevedra a mellora da estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe mediante a construción de beirarrúas, sendas ou itinerarios peonís que garantan a mobilidade con seguridade.

O rexedor nacionalista reuniuse coa deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, a quen solicitou que se retome o proxecto de mellora redactado na Deputación en 2017 —valorado en preto de 700.000 euros—, e que se modernice e adapte con respecto ás necesidades actuais. «Dende entón o plan para a estrada só tivo algúns avances en 2019 coa consecución de terreos por parte do Concello (cando Castaño estivera na alcaldía), pero quedou novamente paralizado pola inacción municipal do goberno municipal do PSOE-PP a pesares do compromiso da Deputación tamén no último mandato», segundo sinala Castaño.

A deputada comprometeuse a analizar o deseño existente co persoal técnico e ver a súa viabilidade. Pola súa parte, o alcalde anunciou que convocará unha reunión coa veciñanza da zona para coñecer os terreos que faltan para poder facer a reforma da estrada, as posibilidades de cesión e posta a disposición por parte das persoas propietarias e as necesidades de expropiación, no seu caso. «Estamos convencidos da urxencia e necesidade de aumentar a seguranza viaria nesta estrada provincial, que ten treitos que transcorren por espazos con bastantes casas dentro dunha zona rural que utiliza moita xente, e así llo trasladamos á deputada», apuntou o rexedor.