A participación

BARBANZA

MARCOS CREO

24 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Só un 50,2 % dos electores galegos foron votar a Constitución en 1978. Repito: só a metade dos galegos adultos apostaron por un marco democrático fronte ao que non había máis alternativas reais.

Só Euskadi botou menos que nós, un 44 %, en contraste cunha Cataluña cun máis do 69 %, se cadra máis consciente do escenario que se estaba a abrir. Se pensaran que esa cifra é baixa, agarden: no Estatuto de Autonomía houbo unha abstención récord, un 71 %.

Desde aquela, os resultados algo melloraron, pero non é para botar foguetes. Nas eleccións de 2020 foi votar case un 49 % do censo (cun descenso preocupante do 8,7 % con respecto ás anteriores). Estas cifras modestas de participación nas autonómicas son compartidas coas outras nacionalidades históricas: Euskadi (50,7 %) e Cataluña, estando a cousa quentiña por alá en 2021, foi tamén só dun 51 % (cunha salvaxe caída de participación de máis do 20 %).

O que resulta sorprendente é a diferenza con outras comunidades sen un sentimento nacional: Estremadura (70.3 %), Murcia (63,2 %), Madrid (65,5 %), Andalucía (56 %), Asturias (64 %), Cantabria (70 %) ou Valencia (69 %). Non son datos doados de interpretar, desde logo, pero sinalan un patrón común que vai moito máis alá dos discursos partidistas.

Unha democracia non se pode permitir cifras tan baixas. Teño para min que acadar a implicación máis ampla dos cidadáns das nacionalidades históricas no proceso autonómico esixe moito máis esforzo e, sobre todo, imaxinación: desde Santiago, claro, pero a xulgar por estes datos, tamén desde Madrid.