Catro gotas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Una urna con votos
Una urna con votos

Segundo os analistas dos comicios, a chuvia inflúe de xeito determinante nos comicios galegos

14 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de escribir este artigo fun mirar a previsión do tempo para o domingo. Segundo Meteogalicia, temos un 60 % de probabilidades de que chova na xornada electoral. Segundo os analistas dos comicios, a chuvia inflúe de xeito determinante nos comicios galegos. Xa saben, aínda que chova, vota.

A min lévanme os demos. Como podemos, no país da chuvia, inhibirnos do noso dereito porque caen catro gotas? Como podemos deixar que se gobernen catro anos dos nosos impostos, dos nosos salarios, de decisións que afectan as nosas vidas, simplemente porque chuvisca? Se despois non temos problema ningún en saírmos a tomar unhas cañas con amigos nun diluvio!

Corenta anos despois, aínda hai quen pensa que a autonomía galega caeu do ceo. Pero non foi así. O que hoxe temos é a suma de centos de anos de loita. Cuns termos ou con outros. Con continuidades e discontinuidades. Pero finalmente chegou.

A autonomía levou este país a un nivel nunca antes visto de desenvolvemento, e contribuíu a construír unha sociedade galega máis rica e máis formada. Podemos discutir se tiña que ter tirado por un camiño ou outro, pero o que temos é motivo de orgullo.

A autonomía fíxonos máis responsables do noso destino, e iso fai madurar unha sociedade e tamén fai que esta prospere. E a autonomía vai ser decisiva para o noso futuro e o dos que virán, porque Galicia será e quere ser un actor tamén relevante na Europa do futuro.

Podemos discutir sobre que facemos con ela, onde a levamos. Pero para iso hai que coller o paraugas e saír votar.