BERNARDO CODESIDO

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chorar non é malo, o malo é ter que chorar, aínda que moitas veces o motivo sexa algo banal, coma cando estamos vendo unha película ou lendo un libro e nos emociona o que alí se conta, facéndonos brotar esas bágoas que nos refrescan a sensibilidade.

Xa sabemos o que nos van dicir os fisiólogos, que as bágoas son unha defensa do corpo, tanto para limpar os ollos como para alixeirar emocións, pero tamén son o desafogo da rabia e da angustia, da impotencia e da resignación, por iso nos entristecen tanto aquelas persoas que nunca choran como as que soltan o que damos en chamar bágoas de crocodilo, esas que caen sen dor nin pena, por puro finximento, símbolo de hipocrisía, como as que o animal derrama involuntariamente cando está devorando un antílope, tan só porque as mandíbulas do réptil comprimen os lacrimais, algo moi parecido a cando nós choramos de risa. Pero as bágoas de verdade, acompañadas polo xeral de beizos caídos e suspiros, son as que o corpo libera para amolecer a dor.

A ver quen non derramou unhas bágoas algunha vez. Incluso os varóns máis duros ante un acto de rabia ou de impotencia volven a cara para secar os ollos. Outras veces, a tristeza é tan grande que a sabedoría popular xa admite iso de que se lle secaron os ollos, cando a carraxe, a angustia ou a mágoa están tan metidas dentro de nós que o tomamos como algo natural, resignados a convivir coa dor.

Aí atrás saíu a noticia de que as bágoas teñen un olor que inflúe no comportamento camorrista, reducindo a agresividade, pero éme difícil de crer, a pesares de que sempre se lle dá máis valor a todo cando vén asinado por un grupo de científicos. A noticia falaba duns investigadores israelitas que observaron nun grupo de ratos como moderan a súa agresividade cando olen as bágoas das femias. Trasladando o experimento ás persoas comprobaron que os homes tamén diminuían a agresividade se ulían unhas bágoas femininas, incluso en xogos de mesa ou en campos de deporte.

E fáiseme difícil de crer porque daquela deberíamos ver algunha mostra de arrepentimento nalgún dos violentos machistas que cada pouco nos asaltan nos medios de comunicación, incapaces de refrearse, de ulir ou de sentir nada, por moito que a vítima bagulle despois da primeira trompada; a non ser que falten por demostrar os efectos secundarios dunha sobredose de pranto, que dexenere niso que se vén dando en chamar un corazón de pedra.

O mesmo feito de que fose un grupo de israelitas quen sacaron estas noticias é o que non me deixa darlle moito creto, pois, moi mal deben estar as pituitarias dunha boa parte dese país para non ulir a cantidade de bágoas que solta a poboación palestina. Ou talvez sexa que xa non teñen narices para sentir a dor allea.

A outra posibilidade é que sexa tan grande a dor dos gazatís, que tamén a eles se lles secasen os ollos.

E atención a iso que xa sabemos: que as bágoas dun neno só son a semente da ira e da vinganza. Que o moito pranto crea seres insensíbeis, resignados e dispostos a acadar os seus propósitos sen portar pola dor allea.