O camiño da diabetes chega á Pobra en formato exposición

Ribeira RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

A mostra pode contemplarse na casa de cultura Raquel Fernández Soler ata o 7 de maio

20 abr 2024 . Actualizado a las 19:00 h.

Baixo o título A Orixe: a diabetes, un camiño de vida, estreouse o venres na casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal unha exposición que busca amosar a realidade das persoas que teñen a enfermidade.

 Trátase dunha mostra fotográfica que chega da man da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) en colaboración coa entidade de Amigos do Camiño a Orixe e co financiamento da área de cultura da Deputación.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, indicou no acto inaugural que «únense aquí cultura e sanidade. A través dunha disciplina artística como é a fotografía revélase o día a día de quen padece a enfermidade».

No acto participaron tamén a presidenta de Anedia, María José Rego, e outros membros da entidade. O traballo fotográfico é de Víctor Manuel Martínez, Pichero, que captou instantáneas do camiño A Orixe que exercen de fío condutor. Estas acompáñanse de textos.

A mostra consta de 24 imaxes e pode visitarse ata o 7 de maio.