Rianxo lembra á súa pluma máis sobresaínte, Castelao

RIANXO

MARCOS CREO

A literatura cobra relevancia no programa, con tres presentacións

19 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Era habitual que, cada mes de xaneiro, Rianxo lle rendera homenaxe a Castelao, coincidindo co aniversario do seu nacemento e tamén do seu falecemento. Aínda que a pandemia motivou cambios nos últimos anos, nesta ocasión volverán a celebrarse unha serie de actividades na vila mariñeira para lembrar á súa pluma máis sobresaínte. No programa deseñado, a literatura cobra relevancia, ao incluír a presentación de tres libros.

A primeira terá lugar este venres, día de comezo dos Actos Castelao en Rianxo. Un escritor da localidade, Óscar Reboiras, presentará O cronista imposible. A obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (auditorio, 20.30 horas), nun acto no que estará arroupado polo xornalista e crítico de cinema José Villanueva Rey. Tamén participará o rexedor local, Adolfo Muíños.

Previamente inauguraranse dúas exposicións: unha sobre Ricardo Carvalho Calero (Parque de Galicia, 18.00) e outra de gravados da Escolanía de Merlos (auditorio, 19.00).

Os actos continuarán o sábado cunha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao, centrada no período comprendido entre os anos 1922 e 1947.

Segunda parte

Despois dunha paréntese, as propostas para lembrar a Castelao retomaranse o vindeiro fin de semana. Para o venres está programada unha nova presentación literaria a cargo de Xaquín Fernández Leiceaga, que falará do seu libro Baixo as alas de abril. A cita coincidirá co acto mensual de Barbantia e completarase cunha intervención artística de Pepe Míguez e unha actuación musical da escola local.

Para o colofón, o sábado, están previstas a ofrenda floral diante do busto do escritor que está no paseo da Ribeira e a presentación da edición facsimilar de Escolanía de merlos, de Faustino Rey Romero.