Cándido Pazó, director da otra de teatro «Apaga o candil»: «Paiosaco é terra xestaliana»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Cándido Pazó é director teatral, tamen un gran contador de historias
Cándido Pazó é director teatral, tamen un gran contador de historias BASILIO BELLO

Contos, dramaturxia e música: triple proposta cultural para hoxe no municipio da Laracha. Todo, de balde

12 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantas veces non tería ido Carlos Díaz, O Xestal, á feira de Paiosaco? Pois este venres volverá á localidade. En sentido figurado, claro. Humorista, contador, regueifeiro, artista, activista cultural e social..., Carlos Díaz (1933-1993) é a figura sobre a que trata a obra Apaga o Candil, coprodución do festival FIOT de Carballo coa compañía Contraproducións, e que hoxe abrirá a Primavera Teatral de Paiosaco organizada polo Concello larachés: 21.00 horas, centro sociocultural, acceso libre e gratuíto, ata completar aforo. 

Apaga o candil, dirixida polo mestre Cándido Pazó, estreouse o pasado outubro, e dende aquela xa houbo unhas cantas representacións que viñeron dar por cumprido o obxectivo que o director da peza manifestaba cando a presentou ao público. Dun lado, que aqueles que si coñecían ao Xestal o celebren e reivindiquen con este espectáculo, e doutro, que aqueles que non o coñecían descubran quen era. Así o contaba onte o propio Pazó: «O punto de unión entre uns e outros é que o espectáculo divirte. Noto, palpo, que gusta, é un espectáculo sinxelo que traballa con materiais para todo tipo de públicos, cada función é en xeral unha festa». A última foi en Vigo, nun auditorio municipal «recollidiño», ben propicio para un ambiente «bonito»: «Diría que foi unha función memorable», apunta Cándido. Dáse unha explosión de comuñón entre o público e os actores. Esa «comuñón» acada o momento álxido con Apaga o candil, peza de O Xestal que segue na memoria de milleiros de galegos como banda sonora do programa Luar. «En funcións como As cigarreiras, ás veces as mozas cantan unha canción, e logo o público conecta, pero neste caso é o público o que inicia esa conexión. Un dun lado, outro doutro... e o que fan os actores é unirse», abunda o director.

ANA GARCIA

Veñen contentos «a unha terra xestaliana, todo Bergantiños o é», e dende logo a Paiosaco, «tan célebre pola súa feira, un territorio absolutamente propicio para esta obra, para a súa palabra, os seus contos, a súa lembranza». Sobre o escenario, no papel do Xestal, escolla moi pensada, Avelino González. De par del, encarnando a un personaxe que a todos nos chegará, e que cun sentido claro se procurou que fose masculino, Toni Salgado, impoñente, grande. «Quería ese contraste», explica Pazó.

Non levan tantas representacións como quererían, mais vaticínase que o segundo semestre do ano traerá máis movemento. O outono soe ser tempo de teatro, teatro con forza, mais para os programadores que queiran, aí están.

Dobre cita en Caión, tamén hoxe: un saco de contos e música belga

Poucas xornadas na Laracha tan completas a nivel cultural como a de hoxe. Ademais da representación de Apaga o Candil, ás 21.00 horas, en Paiosaco, a localidade de Caión acollerá dúas citas. A primeira delas, ás 18.00 horas, na biblioteca do centro sociocomunitario, onde botará a andar a programación municipal deseñada con motivo do Mes do Libro. Alí estará Ángeles Goás, cun espectáculo que deu en chamar Un saco de contos.

É unha peza de narración oral para público familiar, co ánimo de fomentar nos pequenos o gusto pola lectura e pola escoita activa. O acceso é libre e gratuíto, ata completar aforo. É posible o programa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do programa Ler Conta Moito. As vindeiras citas serán na capital municipal (19 e 21 de abril) e a última en Paiosaco, xa o día 29.

FB GALLEY HEAD

Tamén hoxe en Caión, igualmente no centro sociocomunitario, pero desta volta no auditorio e ás 20.00 horas, acollerá este espazo un concerto especial. Chega de mans da Escola de Música Entresóns, especializada na ensinanza musical para nenos a partir dos seis meses, e con sede na vila veciña de Arteixo. Encabeza o cartel a banda belga Galley Head, que estará ben acompañada por agrupacións do entorno, tocando neste caso pezas tradicionais galegas: Método Suzuki A Coruña, Asociación Cultural Triskell, Asociación Xuvenil Xiradela e Camándula. A entrada, libre e de balde.