A mirada fotográfica de Mónica Vila Ferreirós gaña o prestixioso certame Xosé Manuel Eirís

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Vén de coñecerse o fallo do xurado da 26.ª edición deste concurso, convocado anualmente dende o Concello de Carballo

24 abr 2024 . Actualizado a las 15:00 h.

A 26.ª edición do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, convocado anualmente polo Concello de Carballo, xa ten gañadores, tres deles da provincia de Pontevedra. Pura e Herminia é o título da imaxe que mereceu o primeiro premio este ano, unha obra da autoría de Mónica Vila Ferreirós, de Vilanova de Arousa. Ela levará 1.500 euros e diploma. Mónica estudou fotografía artística na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, así como imaxe na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Ten colaborado dende finais dos 90 con diversos medios, entre eles tamén La Voz, longa traxectoria na que figuran xa galardóns como o Galicia de Fotografía Deportiva 2005.

O segundo posto no Xosé Manuel Eirís foise este ano para Vigo, para Antonio Gutiérrez Pereira, vello coñecido do concurso de Carballo, cun accésit no 2018 e un primeiro premio no 2020. Para esta ocasión presentou a fotografía Okupas, pola que levará 750 euros e diploma, premio patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz. Marcha para Ames, doutro lado, o Premio Especial Carballo —500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm—, do que foi merecedor José Manuel Pérez Pena, autor de Punto de vista. Finalmente, súmase a estes tres postos un accésit —300 euros e diploma—, entregado polo xurado a María Goretty Vázquez Rodríguez, de Tui, polo traballo ao que lle puxo o nome de Sen título.

Integrado por Maruxa Suárez, Xan Fernández, Ángel Cordero, Vanessa Casteleiro, Marcos Rodríguez, Marta Rodríguez e Carmen Castro, este equipo encargado de valoracións reuniuse o pasado 11 de abril, se ben se coñeceu o fallo este martes. A entrega de premios será xa este xoves 25 de abril, exposición incluída: 20.30 horas, na sala Alberto Gende do Pazo da Cultura. Na mostra poderanse ver as fotografías gañadoras, así como  una selección realizada polo xurado entre todas as obras presentadas.