En Cerceda «tamén se fala galego»

a. lestón CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

,

O alumnado do CPI O Cruce está a visibilizar e apoiar o uso do idioma nos diferentes negocios do Concello

23 mar 2024 . Actualizado a las 13:04 h.

O alumnado do CPI O Cruce está a visibilizar e apoiar o uso do galego nos diferentes negocios do Concello de Cerceda. As rapazas e os rapaces visitan ás empresas, explican a campaña e animan a que os negocios se unan, facéndoo visible a través dun cartel co lema Aquí tamén se fala galego e facéndolle unha foto que despois se comparte a través das redes sociais. Ademais, os alumnos fíxanse no emprego que se fai do idioma para recoñecer logo a empresa que destaque de maneira especial polo uso que fai do galego.

Esta semana comezaron os estudantes de 4º da ESO, que percorreron os negocios da capital municipal e, despois das vacacións, será a quenda dos de outros cursos, que visitarán establecementos das parroquias do Concello. A recepción, tal e como destacan os propios mozos e mozas, está sendo moi positiva, xa que tódalas empresas visitadas ata o momento anímanse a participar. Así, o alumnado puido constatar que o galego é o idioma maioritario nos comercios do seu municipio, tamén na rotulación e na información escrita. Xa son 50 negocios os adheridos a esta campaña na que chegou a participar o mesmo Viggo Mortensen.