Carlos Blanco: «Se me dan e elixir entre unha sesión de sexo ou unha función teatral... Quedo coa función»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

CAPOTILLO

En vésperas do día internacional do teatro, o actor recalará hoxe en Vimianzo para poñer en escena «Síbaris», a única peza teatral do finado Domingo Villar

23 mar 2024 . Actualizado a las 12:39 h.

Síbaris foi a única peza teatral que Domingo Villar escribiu ao longo da súa traxectoria literaria, e que deixou rematada antes do seu inesperado pasamento, en maio do 2022. Daquela, Villar xa comezara a traballar para levala á escena, e un dos nomes nos que pensou para darlle vida ás súas historias foi o do arousán Carlos Blanco. Meses despois, e logo de ter rodado xa por diferentes localidades galegas, esta noite poderá verse o froito dese traballo no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo (20.30 horas). Con de tres pés é a compañía e Lois Blanco, fillo de Carlos, o director. No elenco, ademais: Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa.

—Que se encontrará a xente que se achegue esta noite ata a Casa da Cultura vimiancesa?

—Pois noventa minutos dunha comedia moi entretida. Unha comedia da que pode gozar toda a familia, negra e de enredos, como esas que se facían antes. Hai entradas, saídas, portas, xente que se agocha, confusións, moribundos, enganos... Pero, sobre todo, o que Domingo Villar escribiu foi unha comedia moi entretida, para nós mesmos e para o público.

—Estrearon a finais do ano pasado. Como foi a recepción por parte dos espectadores?

—Está mal que o diga eu, pero a xente ten acabado en pé. A recepción foi moi boa, con bastantes risas, gargalladas e mesmo algún aplauso polo medio da función. O bo que ten Síbaris é que é unha peza que pode ser vista por unha neta, unha filla e unha avoa. Enténdese ben e hai elementos para todas, sen cousas raras nin experimentais.

—Non hai demasiados produtos pensados para o goce de toda a familia.

—E é algo moi lícito, que se fagan cousas vangardistas ou, ao mellor, dirixidas a un público máis xuvenil. Pero o propio Domingo foi xa un escritor de amplo espectro, por así dicilo. As súas novelas son doadas e entretidas de ler, e el preocupábase de chegar á xente. Non era escuro, nin críptico, buscaba ser un autor maioritario. Quizais, quero pensar, por iso me contactou [para este proxecto], porque considero que son un actor que chega tamén a espectros moi amplos.

—Como foi retomar a produción logo do seu pasamento?

—Ademais do feito de perder un amigo, que é algo enormemente doloroso, supuxo unha maior responsabilidade. Porque el ía estar, e ía estar como actor. Falamos coa súa viúva, comentámoslle que queriamos seguir adiante, e recortamos un pouco a peza, que era algo que xa falaramos con el. Unha vez estreada, todos concordamos en que a peza estaba na súa integridade.

—Proseguir con este proxecto foi unha forma de garantir que a súa memoria sexa inmortal?

—Domingo é inmortal polo que escribiu, porque está traducido a quince idiomas e porque foi un autor universal. O curioso é que Síbaris foi a súa única peza teatral, e eu creo que tería aprendido moito desta experiencia para próximas creacións. Destacar que lle encargamos a escenografía á súa curmá Marta Villar, e que outra parte fundamental é a música en directo, que fixo Pablo Novoa expresamente para o espectáculo. El viaxa dende Madrid para cada función e interpreta un pequeno papel tamén. É un espírito libre e digamos que «crea» cada noite cando ten que dicir o seu texto. A Domingo teríalle feito moita graza.

—Como foi iso de traballar baixo a dirección do seu fillo Lois?

—Case mellor que che conteste el mesmo, que o teño aquí ao meu lado [ri e pásalle o teléfono a Lois].

—Meu pai fai máis caso do que parece [ri]. El está moi acostumado e adáptase ben ás circunstancias. Para min foi un privilexio porque me dá a sensación de que só tiven que estar para os detalles, porque o básico, a materia prima, xa estaba cuberta.

—[Volve responder Carlos] Pero el é un director firme, eh! Por exemplo: eu propúxenlle eliminar unha escena, porque non quería pasarme de tempo, e el defendeuna e teño que recoñecer que agora funciona moi ben. El, como director, ten a última palabra, pero creo que unha das mellores cousas que ten Lois é que escoita moi ben. Soubo escoitarnos a nós, como actores, e deixarse aconsellar, aínda que foi firme cando tivo que ser firme.

—Xa que en escasos días se conmemorará o día internacional do teatro, que significa para vostedes?

—[Lois] Eu teño que dicir que lle debo todo, porque sen el non existiría. Literalmente [ri], porque meus pais coñecéronse nunha compañía.

—[Carlos] Para min, o teatro é o máis fermoso xogo. Noutros idiomas non din «interpretar» teatro, din «xogar»: «play» en inglés, «jouer» en francés... É onde son máis feliz, e creo que se me dan a escoller entre unha boa sesión de sexo ou unha boa función... Quedaría coa función.