Val. Madrid. Setembro do 1985

CULTURA

Vixésimo primeiro capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

21 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Gústame moitísimo máis Valentina que Tina. Heite de chamar sempre así. Valentina. É un nome precioso. Coma ti.

Inclinouse sobre ela e bicouna no nariz. Estaban deitados na cama. Matías acariciaba os seus cabelos, espallados pola almofada. Tiña o pelo máis longo que cando a coñecera.

-Por que deixaches medrar o pelo?

-Estou fuxindo desa imaxe de nena sabichona que coñeciches no museo. A partir de agora vou ser unha nai modelo e unha esposa sofisticada.

-Esa nena sabichona foi a que me fixo darlle a volta á miña vida e irte buscar á outra punta do país.

-Por que o fixeches?

-O día que te coñecín díxenche que me lembrabas a alguén.

-Outra muller.

-Non é unha historia complicada. Eu estaba namorado dela e ela estaba namorada doutro. A miña nai encargouse de que me decatase. Punto e final.

-Dixéchesme que ela tamén estaba desesperada.

-Un erro coma o teu ten cabida nos anos oitenta. Nos cincuenta era un suicidio social. E máis no noso círculo.

-Era teu?

-Por suposto que non. É a historia da miña vida.

Olláronse de fronte e estouparon nunha forte gargallada ao unísono.

-Non deberiamos mofarnos disto. Xamais.

-Escóitame ben, Valentina, polo que a min respecta este pequerrecho é un Wagner -Matías acaricioulle o ventre con agarimo - non deixarei que ninguén pense outra cousa. A miña nai está recuperándose da sorpresa, pero en canto naza estará encantada.

-Ela non me atura.

-Tan só necesita tempo para acostumarse á idea. Se é nena, poderiamos chamala Emilia.

Ela negou coa cabeza.

-Prefiro Eva.

-A primeira muller. Paréceme ben. E se é un neno?

-Roi. Roi Wagner.

-Por alguén en especial?

-Matías, estivemos tres meses demorando esta conversa. Pregúntame agora todo o que queiras saber. Pero a partir de hoxe non quero volver a falar máis deste asunto. Polo que a min respecta estou decidida a non remexer máis no meu pasado.

-É que non sei que quero saber. Que me queres contar?

-Que el non sabe que estou esperando un fillo. Que non me amaba o suficiente para romper coa súa vida. Que non entendeu que aos quince anos son unha muller. Que fun unha parva por crer que estas cousas non lle pasaban ás rapazas intelixentes. Que ás veces cres que tes todo baixo control, pero acabas chorando no peito dun descoñecido nun museo. E que nin nos meus mellores soños, pensei que habería no mundo ninguén tan xeneroso coma ti. Capaz de vir buscarme e ofrecerme unha nova vida. Gañaches o dereito a ter este fillo. Ti es o seu pai. E respondendo á túa primeira pregunta, non se chamaba Roi. Escollino porque é un nome forte. Significa cheo de gloria. Agora por favor, xa non preguntes máis.

Matías inclinouse sobre ela e bicouna. Esta vez dun xeito distinto. Un bico profundo, lento e húmido. Bicou tamén as súas bágoas.

Non volvera chorar dende o día que lle pedira que casaran. A proposición colléraa totalmente por sorpresa. Igual que a el. Non soubo nunca que súbito impulso lle levara a pedirllo. Quizais o mesmo impulso que o levara a localizala en Santiago coincidindo cunha viaxe de negocios. Só tivera que pescudar no hotel de Madrid onde se aloxara. Achegárase a ela coa escusa de levarlle un catálogo do museo. O encontro transcorreu cunha naturalidade inusitada. Parecían dous vellos amigos que se atopan tras anos de separación. Demorou a viaxe uns días. Volveu unha semana despois. E despois outra. E outra máis. Ata que xa non quixo marchar sen ela.

Volveu bicala. Por primeira vez, dous meses despois da súa voda, atopouna preparada.

Amodo, devagar, baixoulle o tirante da camiseta.

RESUMO

O día das Letras Galegas do 2013 celébrase no Hostal dos Reis Católicos a cea do 25 aniversario da promoción do 88 de Santa Catalina. Roque Sanmartín agarda con impaciencia a chegada de Tina González, coñecida como Val Valdés, para pedirlle os dez millóns de euros necesarios para deter a operación inmobiliaria que determinará que Santa Catalina pase a mans duns construtores. Cando chega Tina, Roque decátase de que Marcos Leis garda un gran resentimento contra a que fora a súa moza na adolescencia.