Roi. Madrid, Marzo do 2014

CULTURA

ABRALDES

Vixésimo segundo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

22 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa da familia Wagner era unha construción modernista de 1916, preto da praza de Antón Martín. Emilia namorara da casa nada máis vela, e decidiu que era alí onde quería criar o seu fillo cando chegaron a Madrid nos anos corenta, fuxindo dunha Alemaña en guerra e hostil. Roi tamén adoraba esa casa. De feito, xa era súa en parte.

Decidiu agardala na sala. Pediulle un café a Encarna e repasou mentalmente o que lle ía dicir. Levaba anos escapando dese fogo cruzado entre as dúas mulleres máis importantes da súa vida: Emilia e Val. El sempre fora o terreo neutral nesa guerra que xa duraba case trinta anos, pero agora tiña que encargarse de iniciar unha manobra de aproximación entre as dúas. Non sería doado. Había moitas feridas abertas.

Emilia Wagner entrou na peza silenciosamente.

Roi levantouse e deulle un bico. A avoa regaloulle un aloumiño.

-Como te atopas?

-Bastante ben, dentro do que cabe.

-E Miriam?

-De momento aí seguimos. É boa rapaza, avoa. Máis do que eu merezo.

-Nunca digas iso. Es un Wagner!

-Avoa, non sei como comezar. Necesito a túa axuda.

Emilia alongou a man e colocoulle o dedo índice de diante da súa boca, facéndoo calar.

-Hai trece anos que a túa nai sentou nesa mesma cadeira de brazos onde estás ti sentado e fixo algo que nunca pensei que faría. Renunciou a ti. Entregoume aquilo que eu máis desexaba: o teu coidado. Valentina fixo iso por min e, mal que me pese, teño unha débeda con ela. Ti estás aquí para pedirme que a axude. Non poñas esa cara, dende que es un neno podo ler en ti coma nun libro aberto. Podes quedar tranquilo, Roi. Aínda que non tivese nada pendente coa túa nai, faríao. Faríao, porque non me queda nada de vida. E non vou perder o tempo en preocuparme do pasado e de Valentina. Teño que procurar a túa felicidade. E para iso terei que conseguir que a túa nai sexa declarada inocente. Así que si, Roi, axudareite.

Roi abalanzouse sobre ela e deulle unha aperta.

-Grazas, avoa.

-Sáeme de enriba, burrán! Que eu decida axudarte non quere dicir que consigamos enderezar un xuízo que se prevé de todo menos doado. A túa nai declarou que matou a ese home. Non o esquezas. Será moi complicado darlle a volta a iso. O primeiro será poñer en dúbida a instrución. Temos que ensuciar a cadea de custodia da arma homicida. Teño algúns contactos en Interior. Wagner Corporation mantivo algúns negocios nesa área. Teremos que chamar a Alejandro Echeverri. Sei que aínda está tolo pola túa nai. Tería que ter casado con el. Ese home coñece a todo o mundo. Políticos, xuíces, fiscais, empresarios? Pero sobre todo tés que facer algo por min.

-Ti mandas.

-Tés que localizar á amante dese home. Martín axudarache. Teño unha idea moi clara de como podemos utilizala. É necesario que o xurado descubra o tipo de home que era ese Marcos Leis. Que teñan claro que non era unha boa persoa.

Roi baixou a mirada.

-Que fora un malnacido non che afecta. Pode que deixara preñada á túa nai, pero ese home non era o teu pai.

Roi ergueu a cabeza sorprendido.

-Dende cando sabes??

-Dende cando o sei? Dende hai vinte e oito anos. Dende que Valentina entrou por esa porta. Dende que te collín no meu colo por primeira vez. Dende que os teus ollos escuros me demostraron que non eras fillo de Matías. Seino de sempre, Roi. Pero es o meu neto. Es meu. Un Wagner. Escóitasme? Es un Wagner. Quero escoitar como o dis. Repíteo -berrou a vella.

-Son un Wagner.

Emilia colleuno da man.

-Así é e así será. E pódoche asegurar que xuntos conseguiremos que ninguén o dubide nunca.

Resumo

Ano 1985. Uns meses despois de coñecerse no Museo do Prado, Matías Wagner e Valentina xa están casados. O empresario alemán quedara tan abraiado coa rapaza que acabou buscándoa en Santiago, coincidindo cunha viaxe de negocios. Comeza así unha estraña relación que remata cunha petición de matrimonio cando Matías coñece que Valentina espera un fillo. Tina marcha para Madrid con el, firmemente decidida a esquecer o seu pasado e a superar a oposición da súa sogra, que non acepta de boa gana esta unión.