Marcos. Santiago de Compostela. 17 de maio do 2013

CULTURA

Vixésimo noveno capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

29 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Camiñaban amodo pola rúa das Hortas.

-Onde imos?

-A dar un paseo. De verdade queres quedar aí arriba? Podemos subir e contarlle a todos que me queres facer chantaxe. Que non es máis que un cabrón sen escrúpulos que se deita cunha rapaza que podería ser a súa filla. Que queres sacarme unha fortuna que nin volvendo nacer terías a capacidade de gañar. Sabes que non aturo? Esa pose túa de «como puideches facerme isto». Que creas que despois de todos estes anos, aínda che debo algo.

-Non sei que queres dicir.

-Digo que estou segura de que levas toda a vida culpándome porque casei con Matías. E o certo é que foi culpa túa.

-E ti que sabes do que penso eu de ti?

-Es transparente. Sempre o fuches.

-Que querías? Que casara contigo? Só tiñamos quince anos!

-Casar? Contigo? Deus! Non entendiches nada. O único que eu quería era que me entendeses. Por iso cho contei. Ti eras o meu mellor amigo!

-Non! Era o teu mozo! Como querías que o entendese? -Marcos agarrouna polos ombreiros -Deume noxo, Tina! Como puideches? Demo! Con el. Precisamente con el.

Ela soltouse e seguiu camiñando. El seguiuna, sen ter claro cara onde ían.

-Nunca che pasou pola cabeza que me namorara? -dixo ela.

-Namorarte? Non me fodas. Eras unha merdenta de quince anos e metícheste na cama del sen pensalo, cando levabas máis dun ano saíndo comigo e apenas che podía poñer a man enriba.

-Iso é o que realmente che importa? Que el si puido e ti non? Todo se reduce a iso?

-Cando fomos para os Ancares xa estabas namorada del?

-E que máis dá iso agora?

-Aínda o queres, non si? Val Valdés non sae nunca do seu escondedoiro. E de repente vés aquí, arriscándote a que alguén che lembre este pasado que levabas mil anos agochando. Aínda o queres.

-Serás cabrón! Non sei que che fixo a vida, Marcos, pero convertícheste nun tipo de merda.

-Non intentes culparme a min. Fuches ti a que se meteu na cama do cura. Fuches ti a que quedou preñada e fuches ti a estúpida que non lle dixo a verdade ao seu home e ao seu fillo. E para rematalo fuches tan inxenua de crer que poderías deixarme en ridículo diante da miña familia e dos meus compañeiros e non pagar por iso.

Botoulle as mans ao pescozo. Estaban xa no paseo do río Sarela.

-Sóltame! Sóltame ou xuro que te mato!

Marcos sentiu unha presión no ventre. Retirouse.

-Que diaños? Que tes aí, unha pistola?

-Afástate de min! Mírame aos ollos e pídeme de novo os cartos. Seis millóns! Danme igual, sabes? Só son cartos. Teño un feixe deles. Gañados a base de renunciar á miña dignidade. E non creas que a recuperei. Cando a xente me ve, aínda pecha os ollos e pensa en min nese programa. Pero pagou a pena. Son unha empresaria de éxito. Montei un imperio. Queres saber que fixeches ti? Foder cunha rapaza de vinte anos, meterte coca a esgalla, e intentar facerte o ofendido cando o que realmente sucedeu é que nunca fuches home dabondo para min.

-Direillo. Direillo a el e ao teu fillo -berrou el -Direino nos programas de televisión. Direi que non eras más que unha puta que se deitaba co seu mestre.

-Non dirás nada -musitou ela.

El quedou calado mirando á pistola na súa man.

-Non o farás -dixo el -Non te atreverás.

Ela ergueu a man e colocou a pistola diante del. Apuntou directamente á súa fronte. Foi nese instante cando el se decatou de que ía morrer. Nos ollos dela non había medo. Nin pena. Só determinación.

-Tina, non o fagas - suplicoulle el.

Marcos fixou a vista na pequena cicatriz. Era ela. A súa Tina. Non o faría.

O disparo resoou na noite.

Resumo

A defensa acosa a Tamara de xeito que queda claro que esta mentiu na súa primeira declaración. O xuíz esíxelle que clarexe o seu testemuño. Á vista das probas, e seguindo o plan trazado por Martín, Tamara declara que Emilia Wagner lle pagou por mentir no xuízo. Que a noite do asasinato seguiu a Marcos e a Val e que el tentara abusar sexualmente de Val, ameazándoa cunha pistola. Tamén declara que no forcexo Marcos resultou morto accidentalmente, probando así que Val actuou en lexítima defensa.