Unha mostra na Fundación Seoane enxalzará a importancia central da cor na pintura de Colmeiro

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Óleo sobre táboa, «Paisaje con figuras», pintado en 1977 e que poderá verse na exposición que acollerá a Fundación Seoane a partir do vindeiro 17 de decembro. Á dereita, retrato de Colmeiro realizado o 16 de abril de 1999 por Xoán Carlos Gil.
Óleo sobre táboa, «Paisaje con figuras», pintado en 1977 e que poderá verse na exposición que acollerá a Fundación Seoane a partir do vindeiro 17 de decembro. Á dereita, retrato de Colmeiro realizado o 16 de abril de 1999 por Xoán Carlos Gil.

A exposición analiza seis décadas de creación do artista de Silleda

08 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Luis Seoane produce unha exposición que enxalza a importancia central da cor na obra de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, Pontevedra, 1901-Salvaterra do Miño, 1999) e que abrirá as súas portas o vindeiro 17 de decembro. Manuel colmeiro. Cor e sentimento, un proxecto comisariado pola artista luguesa Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), reúne preto de cen pezas, a maioría óleos, do orixinal creador de quen Carlos Maside —integrante coma el do Movemento Renovador da Arte Galega— dicía que fora «o primeiro gran pintor de Galicia» e en quen Seoane advertía «a orixe dunha tradición pictórica propia».

A mostra abrangue seis décadas dun traballo no que Colmeiro defendía que «a linguaxe elemental da pintura é a cor, non a forma». Tal formulación —xunto cunha serie de motivos recorrentes como a paisaxe, as maternidades, os bodegóns, as tradicións rurais, a figura feminina, os labores do campo, as mariñas...— conforma a perspectiva dende a que interpreta o mundo que lle rodea e proclama o seu amor por Galicia, protagonista absoluta da súa obra, segundo sinalan desde a fundación. Precisamente, Colmeiro, que se vía a si mesmo como «pintor dun único cadro», considera que a persistencia nestes temas é o que lle permitía trasladar ao lenzo a súa visión da realidade. Isto cobra especial relevancia se se valora que cando lle preguntaban que era para el a pintura —cuxa afección naceulle sendo aínda un adolescente en Bos Aires— respondía sinxela e francamente: «Mi vida».

O percorrido expositivo deseñado por Mónica Alonso permite ao espectador mergullarse na obra do artista a través do emprego que fai da cor: «Os azuis e verdes, básicos na súa pintura, presentes nas súas paisaxes, no mar; os amarelos e laranxas para a luz, para iluminar a roupa e expresar emocións como a ledicia; os vermellos, menos frecuentes, como ferramenta de contraste; os marróns da terra, que atenúan a dureza dos grises e os negros do rigor da existencia e do horror da guerra», enumera a fundación.

A exposición organízase en diversas seccións que se ocupan dos xéneros máis relevantes na obra de Colmeiro, como o bodegón e a paisaxe, e doutras cuestións de interese como a melancolía e a tristura que empapan o seu traballo, ou tamén a simbiose entre espazo interior e exterior.

Outro apartado se detén na pintura mural, punto de encontro entre Colmeiro e Seoane, que se achega a el a través do mural das Galerías Pacífico de Bos Aires. Esta peza, que marcou un fito no muralismo na Arxentina, foi elaborada polo Taller de Arte Mural fundado por Colmeiro e o pintor arxentino Demetrio Urruchúa. Na mostra poderán verse os bosquexos para esta obra e outros realizados entre 1930 e 1931 para un proxecto que finalmente non se executou destinado ao futuro Museo de Arte Contemporánea de Galicia no que hoxe é o Hostal dos Reis Católicos. A sección incluirá debuxos de ambos artistas feitos nos anos 30 que reflicten a ruína e a desolación da guerra, e bosquexos que Seoane deseñou para os seus murais.