«O eco das estrelas», os instrumentos e a música das orquestras de pedra

CULTURA

A orquestra de Jaca. En Jaca está unha das orquestras de pedra más fermosas que se poden atopar no Camiño de Santiago. Na imaxe, un detalle desta creación artístico- escultórica.
A orquestra de Jaca. En Jaca está unha das orquestras de pedra más fermosas que se poden atopar no Camiño de Santiago. Na imaxe, un detalle desta creación artístico- escultórica. José M. Salgado

O libro percorre os pórticos musicais das rutas xacobeas e propón un glosario galego

03 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ten imaxes exclusivas de Francia e outras pouco coñecidas de Galicia. É un estudo divulgativo, actualizado, que achega cousas e dá a coñecer outras que estaban un pouco agachadas». Así define o editor Pablo Quintana o contido do libro O eco das estrelas. Música medieval no Camiño de Santiago, publicado polo selo Canela. Neste coidadísimo volume, Francisco Singul, profesor de historia da arte, escribe sobre os instrumentos musicais no Camiño de Santiago desde o punto de vista da historia da arte: «É difícil atopar na historia da cultura occidental unha maridaxe de tanta calidade entre música e artes visuais como a que se verifica en plena Idade Media nun eixe potenciador de cultura como o Camiño de Santiago».

A música era moi importante para a sociedade medieval, «tanto no seu aspecto culto relixioso e realizado por compositores e cantores profesionais como no popular e festivo, ligado á danza, á romaría e á sensibilidade amorosa e nostálxica», explica Singul. Isto levou «a canteiros e escultores á labra de anxos e xograres ao servizo dun discurso moralizante, mentres que nos grandes templos do Camiño de Santiago xorde, poderosa, a imaxe bíblica de David, soberano salmista e rei músico, nun século que asistirá á creación de grandes orquestras pétreas de inspiración apocalíptica, lideradas polo excepcional conxunto dos vinte e catro anciáns do pórtico da Gloria».

Esas orquestras pétreas están recollidas neste libro con espectaculares imaxes a páxina enteira ou dobre páxina na que poden verse desde a de san Pedro de Moissac (Occitania, Francia) ata as de Noia, Portomarín, Carboeiro, o pazo de Xelmírez e a catedral compostelá.

Sobre o mundo instrumental do mestre Mateo escribe Francisco Luengo, luthier en Compostela e que empezou o estudo dos instrumentos do pórtico da Gloria. Neste caso, salienta Pablo Quintana, fixo un traballo de campo vendo os outros pórticos e «analiza os instrumentos musicais deste período tomando como punto de partida a escola do mestre Mateo».

No documentado texto, Luengo non esconde os baleiros: «Como construtor e intérprete, asáltame unha dúbida que non ten solución doada, sobre a autoría dos instrumentos musicais na Idade Media. Non nos chegaron noticias directas de quen os construíu nin de quen os concibiu. Estes sofisticados instrumentos mesmo aparecen da nada no século XII e, en moi pouco tempo, as súas imaxes espállanse por toda Europa na pintura ou na escultura». Remata Luengo propoñendo un glosario galego: «Coa intención de unificar a terminoloxía referente aos elementos dos instrumentos musicais de que falamos no texto, e ante a falta dunha denominación específica en galego, elaboramos, coa colaboración de Xurxo Varela, profesor de viola da gamba na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto (Portugal), un glosario». E aí están corenta nomes de elementos do organistro [cordas, cordoeiro, manubrio...], da arpa [caravillas, chaves, consola...] ou da viola [bordón, cabalete, mao...].

O traballo central de O eco das estrelas é da doutora en Filoloxía Románica Mariña Arbor, especialista na lírica profana galego-portuguesa. Explica como texto e música, «que para case todos nós constitúen universos enormemente distantes, eran na Idade Media esferas complementarias. Quen hoxe estuda o texto, de feito, apenas sabe nada da súa música e quen estuda a música carece, con frecuencia, da capacidade para afondar na estrutura formal e na métrica das cantigas».

Despois de documentar a presenza da música nos códices, o léxico e a iconografía musical na lírica galego-portuguesa, e como se perdeu a transmisión da parte musical, Arbor conta como os textos foron quedando sen música, mudos «como os instrumentos musicais —fermosísimos, mais de fría pedra— que adornan os pórticos da Gloria e do Paraíso [Ourense]. O goce quedaría, así, parcelado, a partitura e a liña poética separadas».

«É o rei Afonso VIII unha figura do pórtico da Gloria?»

A maioría das imaxes de O eco das estrelas son do fotógrafo José M. Salgado, autor tamén do texto que abre o libro, O ancián 23, no que conta como «o encontro cara a cara con esas figuras espertou durante as sesións de traballo unha serie de preguntas, para as que unha resposta posible é que, no pórtico compostelán, o seu autor ou autores incluísen algún retrato (ou criptorretrato) de determinados personaxes». A idea «non pasa de ser un mero xogo especulativo». Noutros pórticos os rostros dos personaxes repítense sen ningún trazo diferenciado, mentres que no compostelán cada figura ten personalidade propia. A Salgado sorprendeuno o ancián 23, o único rei imberbe do grupo xunto co número 8, e razoa: «Atendendo á data inscrita no limiar do pórtico, 1188 (sobre a que hai máis cousas que dicir), non é difícil encontrar un posible candidato [...] que contaba daquela con 17 anos de idade: o novo rei Afonso VIII co seu nome en Galicia e IX en León».

O imberbe ancián 23.
O imberbe ancián 23. José M. Salgado

En 1168 o pai de Afonso VIII, o rei Fernando II, «asumiu o padroado das obras da catedral dotando ao mestre Mateo dunha renda vitalicia». Salgado documenta como Fernando II morre en Benavente a comezos de 1188 e despois de varias liortas acaba sendo sepultado en Santiago. Por iso chama a atención sobre a coñecida como sinatura do mestre Mateo, a primeira pedra do pórtico da Gloria: «O día 1 de abril da encarnación do Noso Señor de 1188, é dicir, na era 1226, foron colocados os linteis dos pórticos principais da igrexa do beato Santiago polo mestre Mateo, que exerceu a dirección destas obras desde os cementos destes mesmos pórticos». Explica Salgado: «Ningunha outra inscrición ou sinatura dun mestre canteiro, no conxunto do románico europeo, se parece á fórmula compostelá». Porén, considera que se a colocación dos linteis e as exequias de Fernando II coincidiron no tempo, a do pórtico sería «a mensaxe póstuma que o cabido compostelán (quizais tamén o propio Mateo) dirixe ao que fora o seu gran benfeitor».

Ademais, Afonso VIII impulsou as obras catedralicias, presidiu a consagración cando remataron e está enterrado nela; a súa figura xacente, entende Salgado, é moi semellante á cabeza dun dos apóstolos do pórtico, santo André, que non é a orixinal xa que foi substituída e está feita con mármore de Estremoz (Mérida), a última conquista de Afonso VIII antes de morrer camiño de Galicia para entregar Mérida á igrexa de Compostela.