Tempo de Nadal

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

O Apalpador, unha figura tradicional do Nadal galego, nunha imaxe de arquivo.
O Apalpador, unha figura tradicional do Nadal galego, nunha imaxe de arquivo. Santi M. Amil

12 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis estamos no tempo do Nadal e de novo vivimos o delirio desenfreado da exaltación desta época do ano. Absurdas competicións consistentes en ver quen ten a árbore máis grande así como as luminarias máis espectaculares nunha carreira sen sentido na que en ocasións ata se perden as formas racionalmente correctas. Unha celebración puramente comercial moi afastada do que para os considerados crentes destas tradicións cristiás debería consistir. O lamentable, dende o meu punto de vista, é que estas pantomimas semellan funcionar ou polo menos o impacto que teñen na poboación parece importante.

Aínda que a min esta época do ano nunca me gustou especialmente tampouco nunca a rexeitei, sinxelamente é un tempo máis que, vivido con proporcionalidade e cordura, aí está. Cando era rapaz a relacionaba coa chegada de agasallos, festas e vacacións escolares. Agora procuro estar á marxe de toda esa voracidade comercial e lumínico excéntrica que nos abafa e apenas deixa espazo para a tranquilidade e o sosego. Neste tempo e dento da cultura na que estamos integrados mestúranse relixiosidade, paganismo e nos últimos tempos un consumismo desmedido que, dende o meu punto de vista desvirtúa o sentido de todo.

En Galicia e máis especificamente no mundo rural, aínda hai unha gran devoción cristiá que vén de tradición, igual que chegaron ate nós moitas crenzas pagás. Unhas e outras conviven en relativa harmonía e incluso chegan a se complementar o que converte este tempo en algo especialmente único pola súa riqueza e diversidade. Alén dos modernismos, das luminarias desmedidas, do mercantilismo implantado e das competicións sen sentido, está o verdadeiramente importante e esencial que é o que nos foi chegando dende a fondura dos tempos. O que foi transmitido oralmente e que no transcurso do tempo foi conformando o noso xeito auténtico de entender as cousas. Por desgraza todo se perde suplantado polas novas e estrañas costumes que pouco ou nada aportan mais que o feito da uniformación xeral que mesmo parece que é o que realmente interesa.