Homes da néboa

CULTURA

Detalle do xacemento de San Cibrao de Las.
Detalle do xacemento de San Cibrao de Las. Santi M. Amil

07 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre sentín paixón pola arqueoloxía e nomeadamente pola propia dada a súa proximidade e familiaridade. Dende ben novo levo visitado centos de lugares onde están situados castros, mámoas, dolmens, pedrafitas, círculos líticos, crómlechs, etcétera. Foi dende a curiosidade e o interese o que me levou a ter unha biblioteca significativa relacionada con este patrimonio. Coido que coñezo a maioría dos castros minimamente escavados espallados polo país, que son unha mostra ben interesante do que nalgún tempo fomos. Estiven no de Borneiro en Cabana de Bergantiños, Baroña en Porto do Son, no de Neixón en Boiro ou no de Elviña, todos na provincia da Coruña; no de Fazouro en Foz, no de Santa María de Cervantes e o de Viladonga en Castro de Rei, na provincia de Lugo; no de San Cibrao de Las no concello de Punxín, no de Santo Amaro e Castromao en Celanova e no de Armeá en Allariz na provincia de Ourense; nos de Troña en Ponteareas, Santa Trega na Guarda ou Castrolandín en Cuntis na provincia de Pontevedra. Tamén noutros como os de Coaña no occidente de Asturias ou o de Briteiros en Guimaraes no norte de Portugal e algún máis. Todos son mostra dunha cultura delimitada e homoxénea que comprende un territorio ben definido. Sempre me fascinaron esas construcións circulares de pedra coincidentes coas de moitos outros lugares no mundo, especialmente coas que se atopan nas illas británicas dentro das áreas célticas.

Non hai moito, un coñecido envioume un vídeo gravado nas montañas do norte de Perú. Nel, o condutor da reportaxe ía internándose nunha paraxe boscosa e moi húmida acompañado por dous paisanos que o guiaban a unhas ruínas arqueolóxicas onde se podía ver unha distribución de vivendas de planta circular construídas sobre a ladeira dunha montaña exactamente iguais ás que podemos ver aquí en calquera castro non romanizado. Fiquei curioso polo tema e púxenme a buscar ata que din coa cultura preincaica dos Chachapoyas, un nome dado polos incas a estas xentes e que significa os homes da néboa. Seguindo o rastro deles cheguei ate a gran cidade de Kuélap, con casas circulares e grandes muros de protección iguais a un castro galego. Sorprendeume que sendo tan grande o mundo, cantas cousas temos en común. Fascinante e marabilloso!