Caraveis vermellos

CULTURA

Detalle dunha imaxe tomada por Alfredo Cunha o 25 de Abril.
Detalle dunha imaxe tomada por Alfredo Cunha o 25 de Abril.

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tería uns 12 anos cando escoitei por primeira vez a música do José Zeca Afonso. Tratábase dun elepé que tiña un familiar que me chamou poderosamente a atención. Eu comezaba a interesarme pola música, mais aqueles temas en concreto non eran nin os que podías descubrir nos medios convencionais de radio ou televisión nin tampouco os que podería haber na casa. Transcorría 1976 e eu non era apenas consciente do que ocorría ao meu redor. Sabía que acababa de morrer Franco pero nin por asomo coñecía o que acontecera en Portugal pouco antes. Aquel disco do Zeca era o Venham mais cinco. Un estupendo traballo editado no Nadal de 1973, xusto antes da Revolución de Abril ou dos Caraveis. Apenas lembro nada a nivel persoal daquel suceso histórico tan transcendente mais con posterioridade, as músicas e as letras do Zeca, achegáronme a aqueles acontecementos. Souben entre outras cousas da importancia do Grândola, vila morena como sinal de comezo para a revolución e debo dicir que a súa obra tamén forma parte da banda sonora da miña vida. Hoxe teño practicamente toda a súa discografía e grazas a el coñezo algo mellor un anaco convulso e apaixonante da historia deste país irmán.

Aquel acontecemento foi un fito histórico sen precedentes, un levantamento militar apoiado por miles de civís e sen a violencia propia destas revolucións. A simboloxía estaba protagonizada de xeito significativo polos caraveis vermellos que xeraron o nome tan icónico co que pasou á historia. E foi Celeste Caeiro, unha moza de orixe galega por parte de nai, a responsable de tan fermoso nome para este fito decisivo.

Ela traballaba nun restaurante que se inaugurara xusto un ano antes en Lisboa, ese día celebraban o primeiro aniversario do establecemento pero polo transcurso do golpe a xerencia do local decidiu pechar. Para o festexo tiñan pensado agasallar aos clientes con caraveis mais ao non poder ser, decidiron que os traballadores marcharan para as súas casas e levaran as flores. Celeste no camiño atopouse coas tropas revolucionarias e entregoulle a un daqueles soldados un dos caraveis que levaba. O soldado colocou o caravel vermello no fusil e de aí ven o nome do acontecemento que todos os 25 de abril é popularmente celebrado.