Convocan o primeiro certame artístico A zafra de Paco

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Un dos tres deseños premiados será a imaxe do concurso literario Paco Lareo

09 abr 2024 . Actualizado a las 21:51 h.

A sede da Fundación Paco Lareo A Solaina en Piloño acolleu onte a presentación dun novo certame artístico bautizado como A zafra de Paco. Unha convocatoria que busca de forma especial implicar aos estudantes pero que está aberta a todos os interesados en crear un deseño, ilustración o imaxe de temática libre. Haberá tres categorías cun único premio para cada unha delas, consistente nun lote de publicacións das Letras Galegas do 2025. Dos tres deseños gañadores o xurado escollerá e converterase na imaxe do cartaz do segundo certame literario Paco Lareo A Solaina de Piloño.

Nunha categoría participarán as creacións de alumnado de Infantil e Primaria, mentres noutra estarán incluídos os de Secundario, Bacharelato e Formación Profesional. A terceira categoría englobará as creacións de xente moza ou adulta. Os orixinais deberán remitirse por enderezo electrónico a info@asolaina.org e indicar no correo o lema de A zafra de Paco, axuntando. dous arquivos: nun, identificado cun lema, título ou pseudónimo que incluirá o deseño orixinal; e noutro, identificado como plica seguido do lema do anterior, irá o nome, enderezo, teléfono e outros datos persoais. Tamén poderán enviarse por correo postal á Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño.

A remisión de obras comezará a poder facerse cando a fundación anuncie o certame nas súas redes sociais e finalizará o 31 de outubro. O fallo do concurso farase público no acto dos Forxadores en decembro. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da entidade ata o 31 de decembro e os dereitos de autoría do deseño gañador serán propiedade da fundación.