Marzo de muller

David Otero TRIBUNA LIBRE

A ESTRADA

07 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a entrar en primavera polo mes de marzo. O de pola mañá cariña de rosa e pola noite cara de can. O mes de muller (a día oito) tal como sílaba tónica da palabra “anoenteiro”. Todo bonito. Tamén o será no noso pobo a palabra de igualdade como desexo e tarefa (veremos se a conquistas). E así nese tránsito de querer para poder, tamén nos convén facer un algo de autocrítica na esencia das propostas, indo no medio de futuros bulevares, futuras autovías e outras necesidades. Cremos necesario ver e sentir verbo da muller. Facelo no contido do noso obrar e proceder por todos os tempos.

Dentro dos casos que merecen a nosa atención, de primeiras, vexamos se o que escribimos responde co que pensamos e desexamos, neste caso en clave de muller.

Saíndo da nosa vila cara a Pontevedra, podemos ver (e ler) un sinalamento do noso Concello co texto e desexo «Agardamos velo de novo» e logo outro tamén “«A Estrada benvidos». Non quedaría mellor algo así como: «Agardamos verte de novo» ou «Queremos verte máis veces» e logo para o outro caso «A Estrada dáche a benvida» ou «Benvida Estradense», ou «Para vós a nosa Benvida». Hai moitas que non deben deixar fóra ao fiminino, e que quede claro que non pretendemos ir de listeza e si ver de axudar e pedir atención. Por outra banda, a cada pouco, en varios lugares, podemos ler en pancartas ou faixas, declaracións de vodas, por exemplo: «fartos de, ou logo de moito… vanse casar», pois os textos son variados. E así, de todo o antedito, pouco denota a sensibilidade, ben institucional e ben popular, co ser feminino, co ser muller. Nun caso non hai feminino e no outro, para o público, xa que en particular cadaquén pode facer o que queira, non reflicte respecto, pois dá ver á muller como cousa ou pasividade, ou resignada ao dispor masculino, repito que cara ao público que o le, que en intimidade cada parella consente ou asente, acorda, como lles pete, cousa que non debían, pero… E para rematar por estas, velaí a que se pode «disfrutar» no pobo. Esa pegada nos escaparates de «Hosteleiros da Estrada», non parece haber hosteleiras, ou póñense da parte de fóra. Non quedaría mellor, poñemos por caso, «Hostelería da Estrada?».

Pensamos que da muller non se pode facer apropiación, nin privada, nin colectiva. Sempre hai tempo para facer autocrítica e emendar para novas actitudes e condutas. Notemos a loita das mulleres como clase. Ser diferente de xénero non dá predominio, nin dominio.. A muller non ten a obriga de reproducir a «especie» (queremos dicir reproducir a sociedade heterosexual). ¿A muller que asinou matrimonio, deixa de ser cidadá protexida pola lei? ¿A súa protección é o marido? Feliz marzo de todo o ano cheo de conquistas de muller.