O crego docente, músico e defensor da lingua galega que tivo pegada en Lalín

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Cedida

Fundou a Coral Polifónica lalinense, a radio parroquial e recompilou cantigas

14 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Recibimos con tristeza a nova do pasamento do bo amigo Xesús Mato Mato, natural do Concello de Paradela, que mantivo unha estreita relación con estas terras ás que chegou despois de ser ordenado sacerdote.

Quenes temos xa certa idade tivemos ocasión de ollar de primeira man o gran labor desenvolvido por Xesús Mato, entre os anos 1958 e 1967, en que estivo destinado na parroquia de Lalín. Tomara posesión cando o alcalde González Taboada, Licho, con quen mantivo sempre unha boa relación e colaboración, contribuíndo de xeito notable en favorecer a integración entre as distintas clases sociais que entón aínda se mantiñan na cativa vila de Lalín.

Para os máis novos tentaremos resumir o labor deste cura que foi investigador, musicólogo e xornalista. Nativo do concello lucense de Paradela, e xubilado no de Portomarín; onde será enterrado esta tarde, nestes terras de Deza deixou inesquecibles lembranzas e moitos amigos. Á parte do seu labor pastoral na parroquia das Dores e docente no colexio Sagrado Corazón, fundou a Coral Polifónica de Lalín integrada por medio cento de veciños que acadou un notable éxito naqueles anos, tamén a emisora de radio parroquial, La Voz de Deza, e Cáritas comarcal para axudar aos máis necesitados que xa daquela abondaban. Tamén cabe subliñar o seu labor na organización de actividades culturais, deportivas e recreativas, moitas delas con finalidades benéficas, destacando na loita a prol do idioma galego, entón marxinado así como na recuperación do folclore popular, recollendo cantigas e contos, moitas veces en colaboración do noso pai Daniel González, O Tío Xanete, de quen herdamos a amizade e o afecto que lle profesabamos de vello.

No 2016 Xesús Mato cedeunos todo o material que gardaba no seu arquivo con fotos, películas e notas referentes á actividade cultural, deportiva e recreativa lalinense na que moito participou, como mostramos nestas imaxes.

Foise un amigo bo e xeneroso.