Ansemil-Martixe reúne a máis de 500 bos catadores de callos

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

A festa gastronómica, que vai pola súa novena edición, estará aderezada cunha gran foliada de grupos locais e da contorna

18 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio de Silleda prepárase para a súa terceira festa gastronómica da tempada: a dos callos de Ansemil-Martixe este sábado, despois da cita o Domingo de Ramos en Abades coas rosquillas e o raxo, a pasada fin de semana en Graba.

Un evento gastronómico que vai pola súa novena edición, e que conta cunha trintena de membros na súa organización; «están os nosos pais, nós os que vivimos aquí pero tamén os que están en Lugo, Santiago ou A Estrada que para a ocasión están sempre dispostos a axudar», explica Ana María Guzmán dende a parte organizativa. Pero todas as mans serán benvidas ao preverse unha asistencia de máis de 500 persoas; «a cifra pechada non a teremos ata o mesmo día xa que hai o mal costume de esperar ata o día da festa para chamar na procura dunhas entradas. Para os que organizamos non nos é fácil... Hai que encargar as empanadas, o pan ás panaderías, a carne para os callos e os garavanzos... Pregamos a todos os que queiran vir que retiren as tarxetas o antes posible, aínda que a experiencia doutras edicións nos di que vai pasar o de anos anteriores», constata Ana María.

Un sábado, cuxa meteoroloxía apunta a un día solleiro, polo que a asistencia de público pode superar sensiblemente a do ano pasado. «O bo tempo favorece na celebración deste tipo de festas, pero tamén en Ansemil-Martixe temos moitos agricultores que están cos ensilados...», reflexiona Guzmán, aínda que recoñece que os que acoden un ano á festa repiten para a seguinte edición; «será que os callos están bos», sentencia.

Da elaboración das máis de 500 racións de produto ocúpase dende a primeira edición María Elena, a nai de Ana María, que volverá a comandar a dirección dos fogóns para facerse co punto xusto de cocido dos garavanzos, da pata e do chourizo que encherán dúas potas de impoñente tamaño. Pero a Festa dos Callos de Ansemil-Martixe non se cingue só ao apartado gastronómico, cuxo menú consistirá en empanada, callos, sobremesa e café, senón que é un convite tamén para disfrutar da música tradicional a través da Foliada da Pereiriña, que promove o grupo de gaitas do mesmo nome e que reunirá a agrupacións tanto locais como doutros puntos da contorna xeográfica de Silleda.

A parte musical pois dese día de festa xa comezará a iso da unha do mediodía, para abrir boca para a posterior programación do serán, cunha actuación que correrá a cargo do grupo de acordeóns e gaitas da Escola de Música de Silleda.

Despois do xantar, ao fío das cinco aproximadamente, arrancará a foliada propiamente dita coas actuacións dos grupos Pau de Buxo (Saídres), Xirandola (Bandeira), Punteirolo (Vila de Cruces), Charabiscas (Lalín), Lume na Lareira (A Estrada) e a formación anfitrioa; os Gaiteiros da Pereiriña. Cada agrupación interpretará catro ou cinco pezas, para rematar a xornada festiva coa actuación do Dúo Punto Zero.