«A volta ao mundo en 72 días» da audaz Nellie Bly

Ramón Nicolás

FUGAS

A viaxe da pioneira Elizabeth Jane Cochrann, que asinaba os traballos co pseudónimo de Nellie Bly, chega ao galego en tradución ao galego a cargo de Enara Caride e Moisés Barcia

05 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1872, o xornal parisino Le Temps acollía a publicación, por entregas, dunha das pezas literarias máis coñecidas de Jules Verne: A volta ao mundo en 80 días. Algúns anos despois, en 1888, unha xornalista natural de Pensilvania chamada Elizabeth Jane Cochrann (1864-1922), que asinaba os seus traballos co pseudónimo de Nellie Bly e que xa destacara no xornalismo de investigación ao infiltrarse nun hospital psiquiátrico para redactar unha reportaxe crítica do que vivira nesa experiencia, decidiu propoñerlle ao editor do New York World de Joseph Pulitzer superar o reto que plasmaran na ficción os célebres Phileas Fogg e Jean Passepartout. Nellie Bly quería facelo en oito días menos e, dalgún xeito, converter nun feito real o que Verne imaxinara dúas décadas atrás, a quen ademais rende unha visita en Amiens, o que dá pé para elaborar un capítulo moi interesante.

En 1889 comeza esa viaxe desde o porto de Hoboken en Nova Jersey alixeirada de equipaxe para aforrar tempo nos transbordos. A experiencia da viaxe relátase con pulso propio e parte dela envíase ao xornal grazas ás redes de cable submarinas e ao telégrafo. No libro que recolle toda a experiencia, este A volta ao mundo en 72 días en tradución ao galego a cargo de Enara Caride e Moisés Barcia, alén da suxestiva de minuciosa descrición dos lugares polos que transita que van de Southampton a Amens, de Bríndisi a Adén, de Colombo á China británica e de Cantón ao Xapón antes de cruzar o Pacífico e logo toda América do Norte, hai tamén ocasión para establecer unha valoración das condicións da viaxe e dalgunhas persoas que coñece, alén de incorporar unha visión, nalgunhas páxinas claramente protofeminista do seu traballo e da concepción do mundo, e noutras certamente particulares onde salienta unha visión admirativa cara á cultura xaponesa e outra non tan positiva do pobo chinés, alén da sorpresa que recibe ao coñecer durante a viaxe outra iniciativa semellante á súa que levaba a cabo unha xornalista coma ela, E. Bisland, nun proxecto alentado pola revista Cosmopolitan pero feito en sentido contrario, que tamén se completaría pero catro días e medio despois de Bly. Dun ou doutro xeito velaquí unha presenza pioneira no xornalismo e na autobiografía que é un pracer ler na nosa lingua.