Pauliña: «Nestes tempos, ser rebelde é unha utopía»

FUGAS

cedida

Tres anos despois do seu último traballo, Pauliña ven de publicar «Galego is not dead», un disco no que as reivindicacións lingüísticas e feministas e os desacougos persoais e colectivos maniféstanse sobre sonoridades que transitan entre o rock, o ska e o reggae

05 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Galego is not dead» proclama Pauliña dende o título do seu novo disco, evocando aquela mítica portada de The Exploited. Máis non é punk o que soa nos oito cortes que conforman este traballo. A cambadesa reafirma as súas influencias rockeiras se ben bascula cada vez máis cara o ska, o reggae e mesmo o rocksteady. Sen perder a súa dose de rabia e reivindicación, Pauliña amósase máis reflexiva e segura. Máis festiva tamén. E fala sen cancelas do que a rodea e do que acouga, ou non, no seu interior.

Recoñece Pauliña que desta volta non tivo unha idea preconcibida que guiase a concepción do disco. «Nestes últimos anos estiven facendo moitas cousas en distintos ámbitos e as cancións foron agromando aos poucos, supoño que como un reflexo do que fun vivindo. O que si, teño a sensación de que no disco nótase unha evolución, que fun madurando, que teño a cabeza máis centrada no que teño que estar».

—A evolución nótase claramente na voz, moito máis densa e, por veces, rachada.

—É que nunca tivera unha profesora de canto tan grande como Mónica de Nut. Grazas a ela atopei moitos rexistros nos que me sinto cómoda. O de rachar a voz é porque as propias letras mo pedían.

—Non vas deixar, como dis en «Fáltame o aire», de cantar miserias?

Fáltame o aire é unha das miñas cancións favoritas do disco. Onde máis me atopo. Pero non, non creo que vaia deixar de cantar miserias. Eu son moi fan de Nina Simone e ela dicía que unha artista ten que ir cos tempos. Polo tanto, eu non podo afastarme da miña realidade social e cultural. E se canto sobre iso, as miserias e as reivindicacións van asomar sempre.

—Por exemplo, a reivindicación feminista.

—Si, eu sempre procuro unha reivindicación feminista pero dende a sororidade, para intentar que sexamos moitísimas máis enriba dos escenarios.

—Co título, xogas ao despiste?

—É certo que no musical non ten nada que ver co disco. Pero si na reivindicación fronte á realidade sociolingüística actual. O galego está presente, pero debería estalo aínda moito máis. Por exemplo, nos carteis dos festivais. E ao tempo, quería quitarlle ese lastre que levamos moito tempo carrexando, que é do da perda de falantes. Quería darlle un halo como máis positivo. Que non positivista...

—Ser rebelde semella utopía?

—Considero que nestes últimos tempos si que está semellando unha utopía. Estamos no foco para atacarnos. E eu considero que hai que construír, non atacar. Por iso utilicei esa frase no retrouso dunha canción. Ás veces buscamos demasiadas metáforas para o que hai que dicir. Eu trato de expresarme directamente, con retrousos pegañentos e sinxelos que teñan unha mensaxe directa e que poida corear a xente.

—Como te sentes como rockeira nun ecosistema no que o que mola é ser «tradi»?

—Eu non fago distincións entre os distintos xéneros da música en galego. Non creo para nada que un xénero escureza a outro. Eu vou máis ao fondo. E na fondura está, por exemplo, que a presenza da música en galego nos festivais sexa moi superior da que temos. Dáme igual o xénero ou o rexistro no que se faga. Porque hai moitísimas bandas que están na escena que deberían ter ese empurrón.Hai moitísimas bandas que están na escena que deberían ter ese empurrón.

—Porque o circuíto de salas, está na UCI?

—Eu agardo que non. É certo que desgraciadamente moitas foron caendo pero seguimos a ter salas rexentadas marabillosamente por xente que debería ter moito máis apoio económico. Porque tirar do público no inverno non é o mesmo que facelo no verán. 

  • MOS. SALA REBULLÓN. SÁBADO 6. 22.00 H. (Xunto a Sun Iou e Kris K Dj)