Unha orografía épica e sentimental

Ramón Nicolás

FUGAS

12 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A poeta, dramaturga e narradora Marica Campo (Val do Mao-Incio, 1948) tras a publicación do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira (1996) acadou o premio Concello de Vilalba de Narrativa en 2001 coa súa primeira novela, titulada Memoria para Xoana, que publicaría ao ano seguinte o selo Espiral Maior e que, ademais, resultaría galardoada pola AELG como o mellor libro publicado naqueles comezos dos anos dous mil.

Pouco máis de dúas décadas despois, Baía Edicións acomete a acertada reedición deste título que non é que resista extraordinariamente o paso do tempo, senón que con el gaña en profundidade e matices, de aí que sexa para min un clásico dos primeiros anos do século XX, alén de pioneiro por temáticas que transita e polas diversas lecturas que aínda hoxe pode suscitar.

Esta novela breve e, polo tanto, situada no seu xusto punto medio e sen concesións ao barroquismo, esculca con brillantez e emoción no eido da memoria, da memoria da muller ou das mulleres das clases populares ao se tratar dunha historia individual enriquecida cunha proxección colectiva. A desculpa ou motivo para a transmisión do patrimonio memorialístico é a maternidade, ollada desde unha perspectiva diacrónica que se remonta aos comezos da xinea de Xoana: unha saga feminina orgullosa de selo.

A voz que nos conduce pola dimensión semántica do que se transmite goza de momentos brillantes como son a descrición da devandita liñaxe iniciada con Pepa a Toupa e o seu violín ata os consellos ditados pola nai á filla que vai vir, entre os que se conta ese que fala de espazos que convén preservar —«que non é inferno»— como a literatura e tamén, aínda que non se diga explicitamente, a relevancia que posúe a música, isto é, unha protagonista silandeira cualificada como paixón, arela e obsesión infinda: non en van esta nova edición está dedicada a Luísa Villalta «polos violinos desta historia cos que simbolicamente me agasallou». Elementos, uns e outros, que non dan as costas, nin teñen por que, á transmisión dunha conciencia crítica da realidade, alén de estereotipos e convencionalismos. Velaquí a reconstrución dunha orografía épica e sentimental para Xoana, para todas as Xoanas, escrita con indubidable talento.