Mafalda nunca se trabucaba

Diego Ameixeiras

FUGAS

El humorista gráfico Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino, Premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades.
El humorista gráfico Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino, Premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades. J.L.Cereijido | EFE

19 abr 2024 . Actualizado a las 11:27 h.

Irán preparábase para responder a Israel cando o produtor de cine Enrique López Lavigne, na rede social X, escribía: «Siempre escapando de mis orígenes para abrazarlos después y sentir que me equivoqué en todo». Conmoveume ler esa confesión. O pesar desas quince palabras xuntas. Os amigos respondéronlle con mensaxes de ánimo semellantes ao que declarou Valente en Cántigas de alén: «Alongarme somente foi o xeito de ficar para sempre». Pero Lavigne acababa de expresar un sentimento moi natural en quen está a vivir emocións de gran calibre. A tenda de bombóns da súa nai, falecida recentemente, botará o peche estes días. Como o contrato de renda antiga non se pode traspasar aos herdeiros —o produtor e maila súa irmá—, ambos están obrigados a baixar definitivamente a persiana do local, aberto dende 1932 no barrio de Salamanca, en Madrid. Dese negocio familiar, lugar central da súa infancia, do que Lavigne se despegou para iniciar unha brillante carreira de produtor cinematográfico. Lei de vida: marchamos e queremos volver cando é demasiado tarde. Como paliativo para eses conflitos universais, hai quen se atreve a describir os seus cataclismos no áspero territorio de Elon Musk. Quen comparte cunha frase, lanzada ao baleiro da noite, a inquietude que lle provoca unha enfermidade ou a dor que está a sentir pola morte dun ser querido. Entre a polución que adoita respirarse na rede, instigada pola actividade sinistra do algoritmo, esas son as persoas, así o sinalou Borges en Los justos, que se ignoran e están salvando o mundo. No célebre poema cultivan xardíns, como quería Voltaire, ou son empregados que xogan un xadrez silencioso nun café do Sur. Nas redes, en dirección contraria ao cinismo, son xente que traslada a súa rabiosa humanidade: «Sentir que me equivoqué en todo». Oriente Medio parecía estar ao bordo dunha guerra total e eu seguía dándolle voltas ás palabras de Enrique Lavigne. A esa potencia que consiste en non agochar as túas fraxilidades e permitir que outros se recoñezan nelas. Despois vin o ceo de Israel cruzado polos drons iranianos. Unha nova fase, comentaban os expertos, da terrible equivocación histórica que estamos vivindo. Mafalda tiña un globo terráqueo. Ela nunca se trabucaba. Ensináballo ao seu osiño de peluche e dicíalle: «Mirá. Esto es el mundo. ¿Sabés por qué es lindo? Porque este es una maqueta. El original es un desastre».