«O BNG é o Partido Galeguista do século XXI», proclama Ana Pontón

redacción / la voz

GALICIA

Ramón Leiro

O BNG conmemorou en Pontevedra o noventa aniversario do nacemento do nacionalismo político organizado

07 dic 2021 . Actualizado a las 18:23 h.

O 6 de decembro de 1931 fundábase en Pontevedra o Partido Galeguista. Este luns cumpríanse noventa anos desa data e o BNG quixo conmemoralos organizando na cidade do Lérez un acto de homenaxe polo que definiu como «o nacemento do nacionalismo político organizado». O BNG, proclamou a portavoz nacional desta formación desde Pontevedra, «é o Partido Galeguista do século XXI: vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe». Porque, dixo Pontón, aínda que nestes noventa anos cambiaron moitas cousas no mundo e en Galicia, hai algo que non cambiou, e é «a necesidade do nacionalismo para Galiza, que precisa máis que nunca forzas políticas coas mans libres para defender os seus intereses». 

Pontón reivindicou a necesidade dunha forza «coa cabeza e co corazón no país», que sexa capaz -dixo- de frear un centralismo «que se estende como mancha de chapapote, viscosa e contaminante». Por iso, subliñou, «o Bloque celebra hoxe que Galicia é unha nación, como antes fixeron os homes e mulleres do Partido Galeguista». Persoas, recalcou a líder nacionalista, comprometidas «como Castelao e Bóveda, e con eles unha equipa de primeira como os irmáns Vilar Ponte e Suárez Picallo, Víctor Casas, Johan Carballeira, Ánxel Casal ou Otero Pedrayo». Pero tamén mulleres «como Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Amalia Álvarez, Ernestina Otero e tantas outras»: «Porque elas foron, somos. E porque somos, o futuro de Galiza será feminista, ou non será», defendeu Pontón. 

Desde o BNG destacan o proxecto «transformador» do Partido Galeguista co Estatuto do 36 como punto de partida, que «tras un esforzo titánico, incluía o recoñecemento nacional de Galiza ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya».

Esa «firmeza, convicción e amor», apuntou Ana Pontón, é o que celebrou o BNG no acto de Pontevedra, e «non a Constitución que blinda a impunidade dunha casa real corrupta, nin a que nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal, nin a que apuntala unha democracia de baixa calidade trufada de portas xiratorias, de corrupción institucionalizada e de control partidista dos órganos xudiciais».

Fronte a isto, o BNG «encara un novo ciclo político co reto de liderar a presidencia da Xunta, porque somos un proxecto gañador e imos disputarlle a hexemonía ao PP como xa fixemos en Pontevedra». 

A portavoz nacionalista volveu insistir no concepto de «construír unha Galicia en grande» que deixe atrás «a Galiza en pequeno que nos lega o PP de Feijoo». Esa Galicia grande é, según a describiu Pontón na súa intervención, «unha Galiza máis xusta, con servizos públicos fortes, á vangarda na loita contra a emerxencia climática, con base na ciencia e na innovación, con oportunidades para a mocidade, feminista, internacionalista e solidaria, que defenda os dereitos dos pobos e unha democracia de calidade».

Un novo estatus político de nación e autonomía financeira son dúas das demandas que Pontón puxo sobre a mesa, porque para «facer valer os intereses do galegos e das galegas» é fundamental «ter peso político e capacidade para decidir aquí sobre os nosos asuntos». 

«Mentres as forzas estatais se unen para adorar unha Carta Magna que deixou todo atado e ben atado, o BNG celebra os principios democráticos e republicanos que forman parte do ADN do nacionalismo galego desde as súas orixes», reivindicou a portavoz do Bloque, quen vaticinou: «Imos derrotar aos que nos din que non é posible facer realidade os nosos soños, con humildade, determinación e orgullo imos construír esta nación viva, o gran país moderno e con futuro, a gran Galiza que queremos e que merecemos».