A historia da luva e das Gorxas de Gol nos partidos do Celta en Balaídos 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

Dani, coa luva sostendo a bandeira, e ao seu carón, Xulia.
Dani, coa luva sostendo a bandeira, e ao seu carón, Xulia. M.MORALEJO

Xulia e Dani son as caras máis visibles do incipiente proxecto de animación en Gol 

24 abr 2024 . Actualizado a las 08:44 h.

Chámase Dani Torres Nogueira, ten 21 anos e a súa imaxe animando na bancada de Gol cunha luva posta chamou a atención no partido entre o Celta e o Las Palmas das cámaras de El Día Después. É a cara visible do proxecto de animación nacido baixo o nome de Gorxas de Gol no fondo do estadio de Balaídos que queda por reformar, e a outra gran impulsora, Xulia, di del que «se non existise, habería que inventalo». Non se coñecían de antes, senón que as ganas e dar algo de vida a esta bancada propiciaron que unisen forzas e se fixesen amigos.

A luva, conta Dani, ten unha «dobre utilidade». «Sempre levo posto o guante en cada partido porque repele a dor ao golpear a valla de ferro e escóitase máis, aparte de que agarra ben a bandeira, que tamén a levo sempre, para que non se me escape», detalla sobre o seu equipamento dos días de partido. E ironiza con que a luva «xa forma parte de Gorxas de Gol xunto coas bandeiras» que sempre portan. Só o quita no descanso «para ventilar» e tomar un respiro.

Xulia lembra que o primeiro día que se reuniron e aporrearon a valla, os dous acabaron coa man desfeita -«eu tiven un dedo inchado tres días»- e que como Dani xogaba de porteiro no instituto, ocorréuselle es recurso que tiña na casa para protexerse e facer máis levadeiro o ritual de animación. Desde aquela, é el o que se encarga de golpear a maior parte do partido, confesa ela.

Máis alá da anécdota, Gorxas de Gol xurdiu a través das redes sociais. «A iniciativa empezou despois do partido do Atlético de Madrid. Eu estaba farta de estar soa animando en Gol e puxen un tuit que tivo moito apoio. O primeiro día fomos uns vinte, pero cando a xente ve que non somos moitos e que non é como Marcador, non lle gusta tanto», lamenta Xulia. Di que son uns sete ou oito membros «constantes» e eles seguen a dalo todo aínda que sexan minoría na súa bancada. «Eu levo desde que tiña un mes en Gol e xa van 27 anos, así que non podería irme de gol voluntariamente», conta ela.

Dani é abonado por primeira tempada e vai co seu irmán, que xa fora socio. «Íamos á nosa bancada de Gol e xurdiu a idea polo Twitter de organizar unha especie de mini grada de animación para apoiar ao Celta os que estivésemos por Gol. Saíu adiante, creamos un grupo de WhatsApp e reunímonos por primeira vez contra o Sevilla. Celebra que pouco a pouco se fan notar «nesa esquiniña de Gol» e que a súa intención é «seguir adiante animando, agora, con máis ganas aínda pola chegada de Claudio e o cambio de dinámica dos xogadores».

A cantidade que sexan non lles resta nin un ápice de ganas de seguir ao seu. «Alí estaremos coma sempre, aínda que ás veces sexamos catro, animando sen parar», subliña Dani. Están contentos co que están a facer. «Está moi guai, porque somos un grupiño que anima alí no recuncho e mesmo ás veces levantamos a grada a cánticos ou a ritmos coa valla coma se ve no vídeo e sempre, sempre animando», que é a súa razón de ser. Xulia di que ela é a impulsora e Dani, «o corazón», dous celtistas que non se coñecían pero que tiñan en común unhas ganas de apoiar ao Celta que derivaron nunha amizade.

«Xa só nos queda que se marcamos un Gol na nosa grada, que os xogadores veñan a celebralo a esa esquina, porque aínda que sexa unha iniciativa nova que nace este ano, non paramos de animar e pouco a pouco facémonos notar», indica Dani. Sobre o debate destes días de que os xogadores agradezan de modo concreto o apoio da bancada de animación de Marcador, Xulia di: «A min non me molesta. Ao final, ao ser tantos, fan máis ruío, pero si penso que ás veces falta algo de detalle co resto. Tan simple como saudar desde o centro do campo antes de ir a Marcador». Un detalle que non inflúe no seu ánimo de seguir dando todo desde o seu recuncho. E coa luva xa como elemento imprescindible.