Costas máis vulnerables pola alarmante crecida do mar

Susana Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

As praias de Razo e Baldaio (en primeiro termo) serán das primeiras costas afectadas pola subida do nivel do mar
As praias de Razo e Baldaio (en primeiro termo) serán das primeiras costas afectadas pola subida do nivel do mar SANTI GARRIDO

Unha nova ferramenta para predicir os efectos do cambio climático, CoastalDEM, corrixe os datos dispoñibles ata agora

13 nov 2019 . Actualizado a las 17:14 h.

O avance do cambio climático e os seus efectos protagonizan moitas das noticias que aparecen nos medios de comunicación case a diario. Grandes incendios forestais, inundacións, tornados e ondas de calor azoutan diferentes partes do planeta de forma extraordinaria. Tamén a elevación do nivel do mar, unha das consecuencias máis documentadas do quecemento global, xera informacións que alertan dos seus perigos. É o caso dun informe que acaba de publicar a organización de estudos científicos Climate Central, no que se revisaron as previsións que se tiñan ata agora e que multiplica por tres os riscos das inundacións costeiras.

Estes novos datos, calculados para o ano 2050, implican que a subida do nivel do mar afectará a uns 300 millóns de persoas en todo o mundo, a maioría de países asiáticos, en cuxas costas viven preto do 75 por cento da poboación en risco potencial. En España unhas 200.000 persoas tamén se verán afectadas polas inundacións mariñas, e alcanzarán contornas naturais como a de Doñana, o delta do Ebro ou a Manga do Mar Menor.

Unha das claves dos resultados deste informe ten que ver coa utilización dunha nova ferramenta para predicir os efectos da subida do nivel do mar. Trátase dun modelo de observación dixital, denominado CoastalDEM, que corrixe os datos dispoñibles ata agora, os obtidos por satélites espaciais e que indicaban uns valores da altura das costas maiores do que en realidade son. Os erros veñen da mala interpretación dos instrumentos de medición da altura do terreo, ao considerar que elementos como as copas das árbores ou os tellados dos edificios eran o nivel do chan. Así, por exemplo, nalgunhas zonas costeiras de Australia os datos reflectiran preto de 2,5 metros máis de altura da que realmente hai.

A estes datos da altura das costas vulnerables hai que sumar os facilitados no último informe do Grupo Intergobernamental de Expertos en Cambio Climático (IPCC) da ONU. Segundo as súas conclusións, o aumento do nivel do mar polo desxeo e o quecemento global está a acelerarse e, se non se reducen as emisións de gases de efectos invernadoiro, a auga mariña subirá dez veces máis rápido para finais deste século do que subiu no século pasado.

DIQUES DE CONTENCIÓN

Unha das razóns polas que é importante predicir canto e onde a subida do nivel do mar vai producir inundacións costeiras é poder planificar accións que mitiguen as súas consecuencias. A construción de diques e outros sistemas de defensa, entre moitas outras accións, poden axudar a conter o avance da auga. É un problema xa coñecido nalgúns países que puxeron en marcha solucións. É o caso, por exemplo, de Holanda, cunha gran parte do seu territorio baixo o nivel do mar e que ten un complexo sistema de diques, presas e esclusas para frear a crecida das mareas e dos ríos. Tamén o de Londres, onde unha enorme barreira sobre o Támesis protexe a cidade dos desbordamentos do río. E en Venecia está a terminarse de instalar un sistema de diques móbiles para defender a cidade das inundacións.

ACCIÓNS LOCAIS

A loita contra o cambio climático debe abordarse desde diferentes ámbitos, con accións tanto individuais como gobernamentais. En España creouse no 2005 a chamada Rede Española de Cidades polo Clima para coordinar os esforzos a nivel local. Está integrada actualmente por máis de 300 concellos, en cuxo territorio vive máis do 60 por cento da poboación española.

Unha das actividades que promove a rede é un premio que contempla varias categorías, como a de accións para a adaptación ao cambio climático. Este premio, na última edición, do 2018, foi para a cidade de San Sebastián, cun proxecto que aborda cuestións como a estimación dos impactos da subida do nivel do mar e da ondada sobre as praias, a mellora da información á cidadanía sobre as situacións de urxencia marítima ou a análise do impacto do cambio climático sobre os servizos e infraestruturas municipais, definindo ademais as medidas de mellora.

actividades 

Explora na Rede

Climate Central facilita unha ferramenta para visualizar os riscos costeiros de inundación pola subida do nivel do mar, un mapa interactivo que reflicte as súas predicións para o ano 2050. Nesta dirección pódese navegar polo mapa do planeta e visualizar os terreos costeiros que previsiblemente se alagarán:

  • https://bit.ly/2PJ1rEu

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

A axenda da ONU de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible conta con 17 obxectivos para transformar o mundo que inclúen a eliminación da pobreza, a loita contra o cambio climático, a educación, a igualdade entre sexos, a defensa do medio ambiente ou o deseño das cidades. O obxectivo 13 céntrase especificamente nas accións polo clima, instando a adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos para mitigar o impacto negativo na economía dos países e na vida das persoas. Nesta dirección pódense consultar os obxectivos e descubrir como contribuír con pequenas accións na vida cotiá:

  • https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/