Fernando Saco, profesor e escritor: «Quixen que o meu libro sobre matemáticas se editase en galego»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Fernando Saco cun exemplar do seu libro «As matemáticas máis sorprendentes»,  que se presentará este venres no Ateneo Casino
Fernando Saco cun exemplar do seu libro «As matemáticas máis sorprendentes», que se presentará este venres no Ateneo Casino FRANCISCO ALBO

Saco, cunha longa experiencia como docente, presentará este venres en Monforte unha obra divulgativa sobre esta materia

07 mar 2024 . Actualizado a las 19:17 h.

No 2006, Fernando Saco Pérez (O Saviñao, 1959) publicou o libro Os irmáns Saco ou a loita galeguista baixo o franquismo, dedicado á memoria dos seus tíos Cesáreo e Camilo Saco López, destacadas figuras do galeguismo histórico. Agora acaba de saír en Edicións Xerais a súa obra As matemáticas máis sorprendentes. O autor, enxeñeiro civil e matemático, foi profesor desta materia durante 38 anos no instituto Indalecio Pérez Tizón de Tui. O libro será presentado este venres —ás 20.00 horas— no Ateneo Casino de Monforte.

—Este novo libro seu é moi diferente do primeiro.

—O libro sobre os meus tíos escribino por encargo, pero este foi completamente unha idea miña. Ao principio pensei en ofrecerllo a unha editorial de Madrid especializada en libros de matemáticas, pero ao final decidín editalo en Galicia para que puidese aparecer en galego. Quixen que fose así para axudar a que haxa máis obras en galego de divulgación das matemáticas e tamén porque no libro falo de experiencias persoais, de cousas do meu entorno, e o galego resúltame moito máis apropiado para iso.

—A que se refire o título?

—A idea foi facer unha escolma de cuestións matemáticas que me chamaron a atención ao longo da miña vida. Trátase dos cálculos matemáticos que dan solucións que na intuición previa non contaban para nada e que por iso son sorprendentes. O libro é como unha memoria persoal, porque reúne cousas que fun apuntando desde que era un rapaz ata hoxe.

—A que tipo de público se dirixe?

—O libro editouse dentro dunha colección de obras de divulgación sobre todo tipo de ciencias, así que non se dirixe a un público especializado. Organiceino de maneira que o poida ler todo o mundo, mesmo a xente que non ten un interese previo polas matemáticas. As demostracións que ao mellor non resultan fáciles de seguir para todos van nuns apéndices ao final do libro. Pero o lector que non ten suficiente competencia en matemáticas pode saltarse eses apéndices e entender o resto sen problemas, porque non está estruturado como un libro de texto. A parte máis extensa do libro é unha sección na que falo de moitas cousas, das vidas de matemáticos importantes, acontecementos célebres e diversas curiosidades que penso que poden interesar aínda que non se saiba moito de matemáticas.

—Cre que pode ter interese como material complementario no ensino desta materia?

—Creo que pode ser interesante para que un profesor de matemáticas de ensino medio o recomende como lectura aos seus alumnos. En canto ás idades, paréceme que pode ser accesible para os alumnos dos últimos cursos de ESO, preferiblemente para os de bacharelato.

—Esta materia resulta especialmente ardua para moita xente.

—Segue habendo de todo, hai persoas ás que lles encantan as matemáticas e outras ás que non lles gustan nada. Pero como disciplina non hai dúbida da súa importancia. Como dicía Galileo, é a linguaxe do universo, máis en concreto a linguaxe da ciencia. E ademais hoxe ten moitísimas máis saídas profesionais. Antes quen estudaba esta carreira sabía que o máis probable era que acabase sendo profesor, pero agora hai moitas máis posibilidades. No mundo das finanzas, por exemplo, hoxe hai máis demanda de matemáticos que de economistas.

—Que lle parece que hoxe non se poida ensinar matemáticas en galego nos institutos?

—Paréceme unha aberración, porque o galego é tan apto para ensinar matemáticas como calquera outro idioma. O sistema que había antes parecíame máis favorable para o galego, que é a lingua que necesita protección en Galicia, non o castelán. Antes esixíase que o 50% das materias se impartise en galego e o outro 50% en castelán, pero sen establecer previamente en que idioma debían impartirse. En realidade esa norma case nunca se cumpría, pero en principio polo menos era máis apropiada para a protección do galego.

—O libro está dedicado a outro tío seu, Pedro Saco López.

—Si, era o irmán máis vello de meu pai, un mestre que foi moi importante para min. Cando eu era un neno e estudaba en Monforte, meu tío xa estaba xubilado pero dábanos clases particulares a algúns rapaces. Falábanos de todo, de matemáticas, ciencias naturais, historia... O máis importante era que conseguía espertarnos a curiosidade por aprender falándonos de cousas cotiás. Por exemplo, explicando como se pode calcular a que distancia se produciu un raio a partir do son do trono. Neste libro procurei seguir o seu espírito e iso é precisamente que pretendo, estimular a curiosidade por aprender.