Ribeira Sacra, nova tentativa para ser patrimonio mundial

Xosé Manuel Moure ADEGUEIRO E HISTORIADOR DA ARTE

LEMOS

Vista nocturna de la presa hidroeléctrica de Belesar, entre Chantada y O Saviñao
Vista nocturna de la presa hidroeléctrica de Belesar, entre Chantada y O Saviñao ROI FERNÁNDEZ

20 abr 2024 . Actualizado a las 19:20 h.

Como copropietario dunha adega familiar con viñas en bancais, interésame que sexamos patrimonio mundial para dar máis visibilidade aos nosos viños, para obter recursos da Unesco para conservar os bancais onde maduran as uvas, para reforzar as normativas de preservación ambiental e para fortalecer a nosa oferta con turismo de calidade e tamén internacional. Como historiador da arte, preocúpame a conservación do patrimonio da Ribeira Sacra nun contexto de popularización das viaxes que fai difícil o equilibrio entre a conservación do patrimonio, os intereses da industria turística e as prioridades dos veciños para lograr un desenvolvemento sostible. Como veciño e ribeirao, quero ser patrimonio mundial para que o patrimonio se preserve, non só como xerador de riqueza, senón tamén como gozo persoal e para rescatar o pasado do esquecemento e asegurar a nosa identidade.

En setembro do 2021, despois de acceder ao informe do Icomos —días antes de este organismo recomendarlle á Xunta retrasar a presentación da candidatura a patrimonio mundial para reescribir os argumentos e facer melloras estruturais—, escribín un artigo neste xornal no que reflectía que o erro de base fora focalizar o argumento principal na «preservación do carácter sagrado do territorio e a historia da súa evanxelización», describindo un pasado mitificado que o Icomos non percibía, pois, pola desamortización do século XIX, a vida monacal desaparecera practicamente da Ribeira Sacra. Esa desacralización actual, cando a sacralización era un dos principais argumentos da candidatura, converteuse nun dos principais atrancos. Outro erro foi querer vender os encoros como algo positivo, xa que permitían a navegación dos catamaráns como principal atractivo turístico. Porén, no Icomos ven eses encoros como elemento negativo que alterou o ecosistema e a paisaxe. Hoxe o compoñente sacro vén dado polo patrimonio —igrexas e mosteiros románicos, a maioría sen os seus usos orixinarios— a cuxo carón se asentaron os viñedos. Vides que, xunto co patrimonio, son a argamasa que sustenta económica e culturalmente a Ribeira Sacra, e piares da súa paisaxe cultural como opción a patrimonio mundial.

Por iso creo, despois da opinión negativa do Icomos sobre os encoros, que non se avanza restándolle protagonismo ao ente que configura a idiosincrasia da Ribeira Sacra —o binomio ribeira-patrimonio—, para darllo aos encoros, que non deixan de ser unha agresión na paisaxe, no patrimonio e no viñedo. Recoñezo brillante a idea de adxectivalos poeticamente como Paisaxes da Auga para ver de reverter a situación e facer os encoros máis dixeribles ao Icomos. O que xa non me parece tan brillante é que sexa priorizando as viaxes en catamarán sobre o turismo cultural. A menos que se estea pensando que o modelo de sostibilidade económica e identitaria pase por converter o turismo no principal recurso. Temo que non sexa suficiente cun memorando (non dubido da gran valía profesional dos integrantes que o redactan). Respecto aos cambios estruturais e ambientais recomendados polo Icomos, segue todo igual: o Camiño de Inverno con poucas infraestruturas e demasiado feísmo. Vías de sendeirismo —moitas sen publicitar, sen sinalar, sen conservar—, construcións ilegais —algunhas horrorosamente rechamantes como o «rañaceos» de Pincelo na ribeira do Miño—, campan ao seu aire ferindo a paisaxe nun territorio que se supón BIC e reserva da biosfera. Peches con somieres, casas sen acabar ou con parches de ladrillo á vista, vertedoiros incontrolados, posibles autovías A-76 e A-72 sen desmentir oficialmente, exceso e repetición de sinalización vial, etc., «engalanan» o entorno.

Para tamaña empresa de reformas tería sido precisa a colaboración e o esforzo non só da Xunta, senón de todos os axentes e institucións políticas, culturais e profesionais implicados. Cousa que non está a ocorrer.