«Foliadas guímaras» en Eixón e Vilachá de Salvadur

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

Unha foliada celebrada anteriormente na localidade de Eixón dentro do programa promovido polo Concello do Pobra do Brollón
Unha foliada celebrada anteriormente na localidade de Eixón dentro do programa promovido polo Concello do Pobra do Brollón CEDIDA

O Concello da Pobra do Brollón organizará actividades festivas nestas localidades o venres e o sábado

25 abr 2024 . Actualizado a las 18:10 h.

A parroquia de Eixón, no municipio da Pobra do Brollón, acollerá este venres unha «foliada guímara» dentro do programa de actividades culturais e recreativas do Concello. A partir das 20.00 horas haberá actuacións musicais no local social da parroquia a cargo do grupo Grolo, un dúo de saxofón e guitarra. A comisión de festas de Eixón, así mesmo, ofrecerá un «caldo comunitario» aos asistentes que se animen a levar unha cunca e unha culler. O Concello, por outro lado, anima aos asistentes a levar libros de segunda man para intercambiar e instalará unha caixa na que se recollerán suxestións para realizar adquisicións para a biblioteca municipal.

O sábado tamén haberá unha xornada festiva dentro deste mesmo programa na parroquia de Vilachá de Salvadur. O escenario será o furancho O Currio, na aldea de Trasmonte. A partir das 12.00 horas haberá unha alborada e pola tarde, ás 16.30, comezará un campeonato de tute. A partir das 20.00 horas haberá animación musical a cargo do dúo Millenial.

Por outro lado, o domingo ofrecerase na Casa de Cultura —a partir das 19.00 horas— a representación da obra Boa sorte, mala fama, da compañía teatral Tarabela Creativa. A entrada será libre ata completar o aforo. O espectáculo conta cunha axuda da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.