Un deseñador de Loewe, admirador dunha coroza feita en Carballedo

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CARBALLEDO

Álvaro Leiro examinando a coroza conservada en Arxeriz que elaborou en Carballedo o artesán Alejandro Regal
Álvaro Leiro examinando a coroza conservada en Arxeriz que elaborou en Carballedo o artesán Alejandro Regal ECOMUSEO DE ARXERIZ

Álvaro Leiro, galardoado co Premio Nacional de Artesanía, estuda unha singular peza conservada no Ecomuseo de Arxeriz

08 feb 2024 . Actualizado a las 10:28 h.

O Ecomuseo de Arxeriz —no municipio do Saviñao— acolleu recentemente unha visita do cesteiro Álvaro Martínez Leiro, gañador do último Premio Nacional de Artesanía, que se interesou por unha peza conservada neste centro. Trátase dunha coroza elaborada polo artesán Alejandro Regal, veciño de Castro de Carballedo, que faleceu no 2018 aos 88 anos de idade. Leiro, que colabora con Loewe desde o 2016, deseñou para esta coñecida casa de modas unha colección de bolsos inspirada nas tradicionais capas impermeables de xunco. Agora está realizando pola súa conta un amplo estudo sobre as corozas de toda Galicia, no que se encadra a súa visita ao museo do Saviñao.

Leiro sinala que as corozas presentan diferentes tipoloxías dependendo da súa comarca de orixe. «De momento levo identificados 16 modelos diferentes, pero a investigación segue en marcha e seguramente aparecerán máis», explica. «As corozas servían para a mesma función en todas partes, para protexer da chuvia, pero hai diferenzas entre unhas e outras, porque hai algunhas que son máis amplas e outras máis estreitas, e tamén varían no número dos cordeis que parten do colar e que suxeitan os xuncos», agrega. No municipio de Rodeiro tamén localizou unha coroza feita por un artesán local que puido coñecer en persoa. «É unha pena, pero non cheguei a tempo de coñecer ao que fixo a coroza que se garda no Ecomuseo de Arxeriz», di.

Alejandro Regal traballando na elaboración dunha coroza nunha fotografía tomada no 2008
Alejandro Regal traballando na elaboración dunha coroza nunha fotografía tomada no 2008 ROI FERNANDEZ

A coroza que examinou en Rodeiro presenta por outra parte unha feitura moi distinta da que puido estudar no Ecomuseo de Arxeriz. «É curioso, porque son de lugares moi próximos, pero a de Carballedo parécese moi pouco á de Rodeiro», comenta.

Semellanza con Avión

A coroza máis elaborada das que estudou ata agora, afirma así mesmo o artesán, foi fabricada en Rubillón, no municipio ourensán de Avión. «A de Carballedo ten algunhas cousas que se asemellan á de Rubillón e tamén é unha peza moi elaborada e moi interesante», apunta.

A maioría das corozas que ten catalogado ata agora na súa investigación foron feitas en municipios da provincia de Ourense. No territorio lucense ten pendente de estudar unha peza fabricada na serra dos Ancares. «Facíanse en moitos sitios, pero teño a impresión de que se usaban menos nas zonas de montaña, non sei se porque talvez son máis aptas para protexer da chuvia que da neve», indica.

O material utilizado para fabricar estas capas pluviais tradicionais é xeralmente o xunco, aínda que o artesán e investigador sinala que tamén se podían elaborar con colmo ou palla de centeo. «As de colmo eran máis sinxelas, unha cousa feita para saír do paso, pero as máis traballadas e mellor feitas son as de xunco», di a este respecto.

«É unha falta de respecto aos nosos antepasados deixar que se perda a súa memoria»

O obxectivo da investigación sobre as corozas que leva a cabo Álvaro Leiro, segundo afirma o propio artesán, é rescatar do esquecemento esta vella tradición artesanal que comezou a esmorecer entre as décadas de 1960 e 1970 coa xeneralización das prendas de plástico. «É unha vestimenta moi especial e emblemática de Galicia, e o que pretendo é impedir que se perda toda a información relacionada con elas, porque a xente nova xa nin sabe que existiron, aínda que os maiores de 70 ou 75 anos saben moi ben o que eran e para que servían», explica. «As corozas fabricáronse e usáronse durante centos de anos, e paréceme unha falta de respecto aos nosos antepasados deixar que se perda a súa memoria», engade.

A información sobre as corozas que está recompilando Álvaro Leiro no seu traballo de investigación divulgarase máis adiante dunha forma que aínda non decidiu, probablemente mediante a publicación dun libro. As persoas que desexen colaborar no seu proxecto —apunta o artesán— poden indicarlle os lugares onde se conservan corozas mediante os seus perfís en Facebook e Instagram, ou ben a través da súa web, no enderezo alvaroleiro.es. «Pero é moi importante que se saiba con seguridade o lugar onde se fabricou cada coroza, porque unha peza descontextualizada non serve de moito para esta investigación», advirte.