O festival feminista de Chantada crea un Coro de Veciñas Bravas

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Un dos ensaios do novo Coro de Veciñas Bravas, que se presentará nun concerto o próximo día 25
Un dos ensaios do novo Coro de Veciñas Bravas, que se presentará nun concerto o próximo día 25 CEDIDA

A formación está integrada por unhas sesenta mulleres de todas as idades

08 may 2024 . Actualizado a las 18:18 h.

Un concerto de presentación do Coro de Veciñas Bravas formará parte do programa da segunda edición do festival Polas Bravas, organizado en Chantada pola asociación feminista Polamiúda, que se celebrará entre os próximos días 24 e 25. A nova formación está integrada por unhas sesenta mulleres de todas as idades e a dirección corre a cargo de María Montenegro, integrante de varias corais e da entidade que organiza o festival.

Segundo explican as responsables da asociación Polamiúda, entre as integrantes da nova formación musical «hai mulleres que xa teñen experiencia en coros e outras que antes non sabían nada de cantar, pero que se animaron a participar nesta iniciativa». O seu repertorio estará formado por cancións de temática feminista de autoras galegas adaptadas por María Montenegro. «Levan xa como dous meses ensaiando e están moi ilusionadas», engaden desde a entidade. Os ensaios lévanse a cabo no auditorio municipal e nas instalacións da escola de música local A Academia. A primeira actuación do Coro de Veciñas Bravas está prevista para as 13.30 horas do día 25 no parque Eloísa Rivadulla, onde se desenvolverá a maior parte das actividades previstas no festival.

Polo momento non está decicido se o novo coro seguirá en activo despois da celebración do próximo festival Polas Bravas. «Agardamos que si, pero é algo que aínda non está falado», sinalan as organizadoras do festival. «O que é seguro é que a súa presentación vai ser un dos actos máis emocionantes do programa», agregan.

O festival Polas Bravas, sinalan por outro lado desde a asociación organizadora, ten a finalidade de difundir o traballo das creadoras galegas e ofrecer «propostas culturais vangardistas». A primeira edición, celebrada entre o 19 e o 20 de maio do ano pasado, comprendeu unha ducia de actuacións musicais e teatrais.

Programa ampliado

Na nova edición do festival ampliarase o programa —cun total de catorce citas— e incorporaranse novas disciplinas, como o circo e os monólogos humorísticos. En todos os casos a entrada será gratuíta.

A organización do festival conta co apoio do Concello de Chantada e da Deputación, pero tamén de numerosos comercios e pequenas empresas locais. «Para recadar fondos organizamos unha campaña que chamamos ‘Veciñas Bravas' e a resposta foi magnífica», explican desde a asociación. «Aínda que de momento só se celebrou unha edición do festival, que tivo moito éxito, pensamos que Chantada xa o sinte como algo moi propio», agregan.

Catorce propostas para dúas xornadas que comprenden música, teatro, poesía, circo e monólogos de humor

A maior parte das actividades do segundo festival Polas Bravas —ao igual que sucedeu no primeiro— terá por escenario o parque Eloísa Rivadulla. A continuación detállanse as diferentes actuacións previstas para estas xornadas:

Día 24

22.00 horas. Na terraza da cafetería adaRosa haberá unha actuación de As Blas Femias, un grupo de música formado por integrantes da asociación Polamiúda, con acompañamento de guitarra, teclado e percusión.

 23.00 horas. No mesmo espazo ofrecerase un monólogo da actriz Diana Sieira baixo o título «Conexións Có(s)micas». Sieiro ten actuado na longametraxe Rafael, de Xavier Bermúdez, e en varias series e programas de televisión. Forma parte do dúo Niñas de la Risa con Ángela Triana.

 00.00 horas. A primeira xornada pecharase no mesmo lugar cunha actuación da DJ pontevedresa Beti de la Church, que pinchará diversas creacións musicais de mulleres. 

Día 25

12.30 horas. No parque Eloísa Rivadulla ofrecerase o espectáculo de circo «A vida tola de Pajarito», a cargo da artista Natalia Outeiro.

 13.30 horas. A segunda actuación da xornada será o concerto de presentación do Coro de Veciñas Bravas, que se celebrará no mesmo lugar.

 14.00 horas. O dúo musical Bratzantifa, formado por Marina González e Lucía Amado, animará no referido parque Eloísa Rivadulla unha sesión vermú na que haberá tamén un bar e postos de comida.

 15.00 horas. A esta hora comezará neste mesmo lugar un recital de poesía de Andrea Nunes, «activista transfeminista» e autora dos libros Corrente de esquecemento e Esta disidencia, que actuará acompañada polo músico Gael.

 16.00 horas. A profesora de canto e compositora Marián ofrecerá un concerto no mesmo espazo.

 18.00 horas. O auditorio municipal acollerá a representación da obra As fillas bravas e o mito de Cassandra, da compañía teatral Chévere, interpretada polas actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. A función será ofrecida tamén en linguaxe de signos no que a asociación organizadora define como «un compromiso claro pola cultura inclusiva». Durante a representación haberá un servizo de ludoteca para nenos.

 20.00 horas. No parque Eloísa Rivadulla haberá unha actuación grupo de vento e madeira Bandidas, formado por integrantes femininas da Banda de Música de Chantada.

 20.45 horas. A esta hora comezará unha actuación de Nadie González, cantante de hip hop.

 21.45 horas. A continuación actuará o dúo Caamaño & Ameixeiras, formado pola acordeonista Sabela Caamaño e a violinista e cantante Antía Ameixeiras.

 23.15 horas. Para esta hora está previsto un concerto do músico O Rabelo e a artista drag Nenaza.

 00.30 horas. A segunda edición do festival Polas Bravas terminará cunha actuación de Eme DJ, nome artístico da artista lucense Marta Fierro.