Quiroga acolle a sétima edición dos Cantos de Taberna con once grupos participantes

La Voz MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

Un dos grupos participantes nunha das últimas edicións do concurso de cantos de taberna en Quiroga
Un dos grupos participantes nunha das últimas edicións do concurso de cantos de taberna en Quiroga ROI FERNANDEZ

Será este sábado, 9 de marzo, e participarán once grupos

07 mar 2024 . Actualizado a las 12:25 h.

O Concello de Quiroga organiza este sábado, 9 de marzo, a VII edición dos Cantos de Taberna, un evento que reúne a once grupos de música tradicional galega que percorrerán os bares e locais da vila interpretando temas populares.

Segundo informou o Concello nun comunicado, esta é a edición con máis grupos participantes de todas as realizadas ata o momento, procedentes das provincias de Lugo e Ourense. Os grupos son: Foliada de Bosende, Son do Mao, O recanto, Estoupafoles, Corenta e Chinco, Minestrales, Abertal da Rúa, Macizas Centrais, Eí os veñen, Os Tarabelos e Nubeiro Son Galego.

O Concello tamén destacou que, como novidade, cada grupo recibirá 150 euros para consumir nos establecementos que visite, mentres que os locais se comprometen a ofrecer tapas ou pinchos aos músicos e ao público asistente.

O evento comezará ás 20:00 horas, cando os grupos se reunirán na Casa da Cultura para recibir o itinerario do recorrido. A continuación, cada grupo actuará durante uns 30 minutos en cada local, ata completar un total de seis actuacións.

A festa rematará pasada a media noite na praza da rúa Lago, onde os regueifeiros Luís "O Caruncho" e Bieito Lobariñas animarán a foliada final.