«Temos que facer visibles os servizos sociais do Concello»

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

MARTA DE DIOS

Despois da alcaldía, a de cohesión social é a área que conta con máis traballadores e orzamento e diríxea Olga López

14 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballadora do Sergas, Olga López decidiuse a formar parte do equipo de Lara Méndez nas pasadas eleccións municipais.

-Que a motivou para dar este paso ata a política?

-Sempre fun comprometida socialmente. É certo que non estaba na política activa, pero o de poder cambiar as cousas móveme. Penso que a política pode mover moitas cousas.

-Nunha área dura, pero bonita.

-Si, é unha área complexa e pouco lucida. Pero é tremendamente necesaria. Podemos dar moitos pasos para facilitar a vida da xente. O peor que se nos pode dar nunha sociedade é que as necesidades máis básicas non estean cubertas.

-Podémola chamar macro área?

-Si. Despois de alcaldía é a que máis traballadores ten, das que ten máis presuposto. Os recursos teñen que reverter na xente, para min é prioritario.

-Que tal as primeiras semanas?

-Ben, coñecendo á xente, facéndome unha composición de lugar. Teño que partir da base do que temos: fortalezas, recursos, deficiencias, oportunidades e capacidade de mellora. Aínda non rematei, estou a falar cos traballadores de cada centro porque eles son os que mellor saben como estamos.

-Botará de menos o seu traballo no Sergas?

-Si. Eu tiña unha labor asistencial, como matrona en Atención Primaria. Custoume dar o paso porque é un traballo moi satisfactorio, estamos nunha sociedade onde cada neno vale un mundo. O vexo como un tempo. Tamén teño a labor docente, dou clase en Enfermería e para aí pedín unha compatibilidade. Non quero desvincularme de todo o que era a miña vida. Será cuestión de organizarse ben.

-Ten claro os proxectos chave para este mandato?

-Algúns si. Temos que ter historia social, electrónica e única xa. Temos que acabar co papel, é básico. Tamén o é establecer un mapa de recursos ben feito e difundilo ben. A xente ten que saber a que ten dereito e a onde pode ir, temos que facer visibles os Servizos Sociais. Tamén teño en mente un proxecto de Lugo como cidade cardio saudable e potenciar a educación para a saúde e a prevención.

-Abarcables nestes catro anos?

-Si, penso que perfectamente. Levaríame unha decepción persoal se non o conseguimos.

-Cal é o punto de partida?

-É un punto de investir. Cada vez hai máis xente maior, cada vez máis necesitados de conciliación e iso supón unha demanda cada vez maior de recursos. Lugo está moi envellecido, pero é conxuntural ás sociedades desenroladas, que temos unha pirámide de poboación tan invertida. O Concello ten recursos propios, pero ten derivados de outras administracións. Nisto estamos as tres administracións e se vamos por libre non vamos a acadar obxectivos. Hai que coordinarse.

-A vida municipal, o que agardaba?

-Non tiña unha imaxe preconcibida, estou compoñéndome a que é de verdade. Como cidadáns a tíñamos que coñecer máis. Non é para nada a visión que as veces temos de fóra.