Coherencia

OPINIÓN

16 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta palabra latina, cuio significado é o de «permanecer xuntos», é quizáis a que máis sofre cando hai un cambio de goberno, pois a tendencia no ámbito político é a de «permanecer separados». Acabamos de vivir un cambio político, no que o sistema funcionou pese a ser a primeira vez que ocorría deste modo; pero, sendo repentino, estamos asistindo a unha especie de esperpento político de hooliganismo insensato, ofrecido á sociedade en todos os ámbitos políticos e por todos os partidos políticos. Vemos estes días como as subas nas peaxes das autopistas están xustificadas cando o Ministerio o ocupa o meu partido, e as mesmas subas son un ataque a Galicia, se os autoriza o partido contrario, e viceversa. Vemos como o AVE vai a bó ritmo e as datas de implantación en Galicia son as correctas, se quen o promove é un correlixionario meu, e tórnase a mesma data como unha ameaza para o desenvolvemento do país se quen visita as obras leva un carné distinto, e viceversa; vemos coma os rescates-condoacións de débedas de entidades autónomas públicas eran reclamacións imposibles ás que non había lugar co Estado, e agora co cambio de goberno e siglas xa é unha prioridade, e viceversa.

Son tempos nos que a imperiosa necesidade de corrección dunha curva perigosa nunha estrada, pasa agora a ser obxeto dun estudio futuro, non porque non mateña o seu perigo, senón porque agora gobernan os meus, e viceversa; son tempos onde as subastas de MW para que Alcoa, Megasa e outras sobrevivan é a única solución, porque gobernan os meus, e a mesma solución tres meses despois é insuficiente porque gobernan outros; ou, como na sede da soberanía do pobo galego, se considera necesaria unha comisión de investigación sobre o Marisquiño, pero non sobre o accidente ferroviario do Alvia, e viceversa. Mentiría, se como socialista que son dende que teño uso de razón, negara que prefiro que sexa o goberno socialista o portador de boas novas e que se reserven os erros para o contrario, pero na súa xusta medida, pois teño claro que por riba de siglas está a xente, o noso país, o que lle deixamos aos nosos fillos, polo que nesta competición democrática, se erramos, perdemos todos, e se acertamos, gañamos todos. É unha pésima inversión social que as xeracións que se incorporan poidan chegar a entender a política coma un xogo entre hooligans, onde a altura de miras e o interés xeral non sexa mais que un espexismo.

A coherencia é admitir que o que era bó para Galicia hai dous meses, segue a selo, e viceversa.