O talento reducido a dúas verbas

Arantza Portabales
Arantza Portabales LIÑA ABERTA

OPINIÓN

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Corell maricón e socialista». Iso era o que poñían os centos de papeis que apareceron na Facultade de Medicina de Valladolid. Ía comezar este artigo destacando a valía intelectual de Alfredo Corell, doutor en Bioloxía e reputado inmunólogo, profesor titular desa Universidade, creador do proxecto docente Inmunomedia, proxecto con innumerables premios, entre eles o MEDES 2018. A súa charla TEDx do 2016 foi viral. O seu nome está entre os dez finalistas dos II Premios de Educa Abanca ao mellor docente de España. Podería seguir coas loanzas ata esgotar os 2.600 caracteres dos que dispoño neste artigo, pero decátome de que estou a cometer un erro. O respecto, Alfredo, meréceo como persoa, con independencia da súa valía profesional. Así que comezarei doutro xeito. Son amiga de Alfredo. Non sei se é socialista. Maricón, gai, homosexual... si. Iso si o sei. É un home casado con outro home. En pleno século XXI. Na era en que unha rapaza non quere cantar unha canción de Mecano nun programa porque di que «mariconez» é un insulto homófobo. E porén, na Universidade, ese centro neurálxico da nosa cultura e educación, Alfredo Corell é sinalado e reducido a dúas verbas. Unha pregúntase onde está a diferenza entre as mulleres adúlteras marcadas coa letra escarlata e este profesor universitario que recolle nos baños da súa facultade panfletos co seu nome e dous adxectivos.

A diferenza está en que Alfredo Corell pode denunciar por delito de odio. Pode levantar debate nas redes. Pode recibir o apoio de todos os que o coñecemos e os que non. E mesmo conseguir que as persoas que agora lean este artigo tomen conciencia. Porque non podemos pechar os ollos. A homosexualidade é esa condición permitida se es deseñador, ou presentadora de televisión. Pero, en canto nos toca preto, en canto o homosexual é o profesor de inmunoloxía, aí non. Aí tócache ser maricón e socialista. Cando coñecín esta nova estaba de viaxe en México. Envieille unha mensaxe de voz por WhatsApp a Alfredo e ao seu home, dándolles o meu apoio, enchendo a boca coa palabra maricón con orgullo, con maiúsculas. Porque resulta que se hai algo que descoñecen os que fixeron esa nota é que as verbas significan só o que nós queremos que signifiquen. Se hai algo que descoñece o que fixo esa nota é que ser maricón e ser socialista é o resultado dunha opción sexual e política. Que as opcións se exercen en liberdade. E que esta denuncia pública ten que servir para que todos sexamos libres. Todos. Os reputados profesores de inmunoloxía, ou os descerebrados que deitan papeis ás agochadas na Facultade de Medicina de Valladolid.