Un PSdeG útil para modernizar Galicia

gonzalo caballero SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas son as cousas que teñen cambiado co covid. Unha pandemia global mudou o mundo e puxo de relevo máis que nunca a importancia dos servizos públicos e da ciencia, así como da aposta pola solidariedade e o benestar e polas políticas económicas expansivas ao servizo das persoas. E nun mundo cambiante, ou somos resilientes ou non acertaremos.

Galicia afronta enormes retos para a reactivación. E non podemos perder esta oportunidade. Porque esta recuperación non só hai que abordala en termos de produción, emprego e cohesión social, senón que implica inescusablemente un reto modernizador que será fundamental para o noso porvir. Ou encarrilamos a década cun proxecto emprendedor e rexenerador que aposte pola modernización de Galicia ou estaremos novamente perdendo unha oportunidade.

Eu sei que a dereita cre que a inercia, a inacción, o facer as mesmas políticas conservadoras é suficiente se así consegue soster o equilibrio social e electoral que lle permite manterse no poder. E sei que o nacionalismo galego prefire aferrarse a un ideario que se mira no espello do independentismo catalán, que nada bo traería a Galicia. E é por iso que reafirmo o meu convencemento de que os progresistas galegos temos o deber de impulsar un proxecto modernizador e inclusivo para a Galicia dos vinte. E para iso é fundamental o PSdeG. Ou o facemos nós ou non o fará ninguén. E dende logo, nós estamos dispostos a facelo, traballando en Galicia, por Galicia e para Galicia.

Somos cribles no noso compromiso con Galicia porque somos o PSdeG que impulsou un Estatuto de primeira para Galicia, que asumiu a visión galeguista de figuras coma Ramón Piñeiro ou Ceferino Díaz, que modernizou o país cos gobernos de Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, que leva adiante políticas progresistas en 113 concellos nos que viven o 55 % dos galegos e das galegas. Un PSdeG que nada ten que ocultar nin por qué acomplexarse, porque nós cumprimos con Galicia, tamén cando gobernamos España.

De feito, as dúas primeiras reunións que mantiven como secretario xeral dos socialistas galegos cando chegamos á Moncloa, hai tres anos, foron co ministro de Fomento para falar da AP9 e, a continuación, co director xeral de Memoria Histórica para abordar a situación do Pazo de Meirás. Eran dúas demandas históricas que para min tiñan unha enorme relevancia. Hoxe, tres anos despois, conseguimos unha rebaixa histórica das peaxes da AP9 que implican un investimento de 2.300 millóns ata o 2048 e Meirás xa está no ámbito do público.

O PSdeG é útil a Galicia e está hoxe moito máis forte que hai catro anos. Conseguimos mellorar resultados en todas as convocatorias electorais. Por primeira vez superamos ao PP nunhas eleccións en Galicia e nunca tivemos tanta representación municipal como agora, gobernando 3 das 4 deputacións, 5 das 7 grandes cidades. E avanzabamos cara a un cambio político en Galicia liderado polo PSdeG ata que a pandemia mudou as tendencias e levounos a unha convocatoria aprazada cunha abstención histórica. Por iso, cómpre seguir avanzando e comprometernos con Galicia.

Queremos estar na vangarda da Galicia emprendedora e fortalecer o proxecto galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas do PSdeG para o futuro de Galicia. Son catro piares fundamentais para a reactivación e a modernización de Galicia, e temos que abordalos cun compromiso federalista que implica tamén a nosa vocación municipalista.

Propoñemos políticas keynesianas que impulsen esa nova modernización a través da transición ecolóxica e dixital, e que permitan desenvolver políticas sociais e servizos públicos, creando círculos virtuosos que favorezan o emprego. Necesitamos unha reactivación que invista en I+D+i, que aborde a crise industrial e do medio rural e que respalde a mulleres, mocidade e paradas de longa duración que tanto sofren coas crises. Un PSdeG cun proxecto modernizador e de benestar para a cidadanía galega. E canto máis forte sexa o PSdeG, mellor será para Galicia. Ese é o meu compromiso.