Axuda mutua

OPINIÓN

VITHAS MÁLAGA | EUROPAPRESS

02 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía esta semana, nunha entrevista coa psiquiatra galega María Tajes, que «unha de cada cinco persoas terá depresión ao longo da súa vida». Algo que me levou a pensar no complexo que é, ás veces, recoñecer ou aceptar que o que lle está pasando a unha mesma, ou a un ser querido, ou a un coñecido, ou a un alumno, é unha depresión. Tamén me levou a reflexionar sobre a pouca formación que temos para ver os síntomas, en nós mesmos e nos outros, e sobre o difícil que é falar deles.

Nesa mesma entrevista a doutora Tajes mencionaba que, o pasado ano, o número de mortes por suicidio en Galicia superou ao número de mortes por accidentes de tráfico. Un dato que me deixou paralizada, e que me levou a querer aprender máis sobre as estatísticas sobre o suicidio en Galicia e nos Estados Unidos (os lugares que habito). E nesa pescuda tamén aprendín que é importante aprender a falar destas cousas, e comunicar que nos últimos anos tecéronse moitas redes para axudar ás persoas que se atopan en situacións de risco. Como por exemplo a liña telefónica de atención á conduta suicida, o 024, promovida polo Ministerio de Sanidade «para axudar ás persoas con pensamentos, ideacións ou risco de conduta suicida, e aos seus familiares e achegados». Ou asociacións como Papageno, a Asociación de Profesionais en Prevención e Posvención da Conduta Suicida, que a través da súa web, ofrece materiais «para promover iniciativas relativas á prevención, investigación, tratamento e posvención en conduta suicida». Unha asociación que tamén ofrece apoio e contacto con grupos de axuda mutua, grupos de dó, entre eles Galicia Vive, que se xuntará en Vigo, por primeira vez, este mes de febreiro.