A calor do inverno

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Sergio Barrenechea

05 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de ter lugar a cerimonia de apertura de curso da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), cunha conferencia sobre nanotecnoloxía a cargo de José Rivas Rey, investigador pioneiro en Galicia nesa disciplina. No discurso de peche, o presidente da RAGC, Juan Lema, mostrouse sorprendido polo feito de que unha importante nova científica destes días non tivese apenas eco nos medios de comunicación: as emisións de CO2 procedentes de combustibles fósiles (petróleo, gas, carbón) na UE en 2023 reducíronse un 8 % con respecto a 2022. O dato captou a atención dos presentes na sala, non é moi coñecido que eses niveis de emisións de CO2 levan baixando na UE dende o 2008. De feito, o titular é que no momento actual xa conseguimos baixar a niveis de 1960. Máis da metade da redución de emisións débese á xeración de electricidade con fontes renovables.

Malia ser unha boa nova, necesitarase duplicar o ritmo de redución se se quere chegar á emisións cero en 2050. E, sobre todo, o malo é que o resto do mundo non vai como Europa. Falta nos vai facer que sigan o exemplo: que na España mediterránea se aproximen aos 30º C no mes de xaneiro é un indicio que se suma á cada vez máis longa listaxe de evidencias que nos avisan das graves alteracións que a humanidade causa ao clima global dende a época industrial. Xa non fan falla complicados experimentos para demostrar o cambio climático, abonda con facer unha mera análise estatística de temperaturas que non paran de bater récords e, o peor, de bater récords cada vez con maior velocidade.