Unha intelixencia artificial e humana

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

DADO RUVIC | REUTERS

12 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días escoitei que alguén dicía: a intelixencia humana actual é tan pobre que por iso tiveron que facer unha artificial. A sentencia pode ser esaxerada. Ou non. En todo caso, conviría que lle désemos unha pensada a por onde estamos levando o asunto da IA e, sobre todo, se queremos que as cousas sigan por onde van. Porque ata o de agora limitámonos a nos botar as mans á cabeza cando vemos fake news tan ben montadas con vídeos que non somos case quen de saber se son de verdade ou non. Pero, moi probablemente, a IA se perfeccionará tanto que haberá un intre no que, sen máis, o que nos ofreza será tomado como un produto esencialmente humano sen ningunha clase de dúbida.

E non estou fabulando deixándome levar pola imaxinación do escritor. Hai uns días, en El Hormiguero, que cada día que pasa se supera máis en barbaridade, torturaron (ese é o verbo) a persoas facéndolles escoitar as voces de seres queridos mortos que, a través de programas de intelixencia artificial, lles falaban como se estivesen vivos. Que procuraban? Facerlles un favor? Os familiares, claro, choraron. Que ían facer. Eu tamén choraría. Pero só formaban parte, coma atrezzo de carne, dun espectáculo televisivo certamente denigrante. Un máis dos que nos ten acostumados Pablo Motos.

A intelixencia terá que ser humana ou morreremos como cultura no intento. Unha empresa chamada Worldcoin (ideada por Sam Aldman, o creador de ChatGPT), con base en San Francisco e Berlín, dedícase a escanear iris humanos. Levan xa máis de tres millóns de persoas en todo o mundo (300.000 en España) que, a cambio de 20 criptomonedas, se deixan escanear o iris e o rostro. Eles din que é para, nun mundo futuro e diante do avance da IA, conseguir distinguir con claridade se o que está diante é humano ou non. Como paradoxo non está nada mal: deixamos nas mans dun programa de IA que nos diga se somos humanos ou non, se ese poema o fixo un humano, se quen sae nese vídeo é un humano, se quen canta aí (xa escoitei a Lennon cantando temas de Queen…) é humano ou non. Iso en teoría, porque, en realidade, o que están é recopilando datos para, obviamente, poñer nas mans de quen os pague todo o que recopilen de nós (xa cho din no formulario que asinas), para, de momento, facernos mercar o que lles interese, e, no futuro, que ninguén o dubide, que votemos como eles queren ou que pensemos o que a eles convén. Non como quere esta empresa, senón como quererán os estados que, en nome da nosa seguridade, nos controlarán cada día máis e mellor. Intelixentemente e polo noso ben, claro.