A ironía

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

07 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Malos tempos estes que vivimos: hipocrisía, absoluto relativismo moral, posverdades (a nova forma de enganar), corruptos e corrupcións. Xa non importa o que é certo e o que non. Podes estar mirando o ceo azul e o teu contertulio sinalar que o ceo está cheo de negras nubes. E non pasa nada. Porque verdade e mentira son conceptos do pasado. A realidade manca, fere, lacera. Por iso hai que distanciarse. Borges escribiu: «Lo que más admiro de los demás es la ironía, la capacidad de verse desde lejos y no tomarse en serio». Cada día acudo máis á ironía. Tomo distancia de todo o que ocorre, porque o que ocorre dispara dardos, venábulos, espadas contra o meu interior. Dóeme o espectáculo grotesco que padecemos estes días. Dóeme que o muro do que falaba algún preboste da política xa estea levantado. «Una de las dos Españas ha de helarte el corazón». Tempos duros, difíciles. Ignoro como imos saír desta situación dolorosa. Febrilmente. Os noticiarios son a crónica de feitos tan vergonzantes, humillantes, que penetran no noso sangue e nos invaden. Por completo. Algúns xa renunciaron a toda esperanza. Eu amárrome a un poste de madeira, un mastro, como fixo o vello Ulises. Amárrome para non naufragar. Naufragarme. E escribo atado ao pau de madeira, contemplando de lonxe todo o que está a suceder. A ironía é a arma máis eficaz na batalla do presente. Todo entusiasmo debe ser desterrado das oracións, frases, columnas, artigos sobre a actualidade. A actualidade é un helicóptero voando o ceo de Apocalypse Now, a magnífica película de Coppola. De fondo, Wagner e as valquirias. Pasamos unha pandemia e agora encontrámonos cun andazo de cinismo. Tomemos, oh ironía, distancia.