Bilbao

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

LUIS TEJIDO | EFE

21 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os avatares máis gozosos da miña vida figuran as viaxes con Amalia, Berta e o Paco Mariló. A última, a Bilbao. Alá fomos. Paramos en Burgos, onde ía tanto frío que semellaba o lugar máis xélido da terra. Por fortuna, os ágapes do xantar mermaron toda sensación ingrata. Continuamos. O primeiro que dixo o Paco Mariló ao chegar foi, simplemente: «Que gran cidade, Caneiriño!». Chovía como nunca antes chovera, ou iso me parecía a min. Pero a nós nin a chuvia nos arrancaba a alegría. Cómese ben no País Vasco. O Mariló, á hora de pagar, inventou un novo método, moi superior ao utilizado en Londres ou Nova York (alí levantaba a man, chascaba os dedos e dicía: «Soooorry, me cobra por favor»). En Bilbao tamén levantaba a man e chascaba os dedos. Porén cambiou o «sorry» por «cliclí». Pregunteille que significaba. El só dixo: «Que gran cidade!». Pasamos a carón dun portal. Un home de mala presencia. Barbado, rosmón, moi fraco. E un can ao seu carón. O Mariló pronunciou unha frase terminante e rotundamente ecoloxista: «Non só pasa fame el, senón que lle fai pasar fame ao can». De noite saía do restaurante a fumar un pito. Alí encontrábase con outros fumadores. Díxolle un: «Este vicio nos va a matar». O Mariló contestou: «De algo hai que morrer». «Como?», preguntou o outro. «Que de algo hay que morir, hombre, polvo somos y en polvo nos convertiremos!», respondeu o noso Paco. Presenciamos un soso partido en San Mamés. Ao saír, despois de camiñar unha hora en dirección á morada, comentei: «Creo que nos perdemos». El mirou á esquerda, dereita, ao ceo. Contestou: «Eu tamén». Un repartidor de pizzas levounos ao hotel. Agradecido, o Mariló díxolle: «Que gran cidade, neno!».