O discurso do presidente

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A min o discurso de Pedro Sánchez, despois de reflexionar e decidir a súa continuidade na presidencia do Goberno, pareceríame perfecto se en certos momentos pronunciase un mea culpa alto e claro. Dígoo porque, oíndoo e léndoo, parece que el non trocou no Congreso o debate respectuoso e racional baseado en evidencias polas mentiras máis groseiras nin ten responsabilidade na degradación da vida pública. E non é así.

Nos dous anos que Núñez Feijoo leva presidindo o PP, fixo cousas mal abondo para poder ser atacado, pero Pedro Sánchez non deixa de recordarlle en cada enfrontamento a amizade que tivo co narcotraficante Marcial Dorado. O presidente coñece, ou debería coñecer, a resposta do xuíz Vázquez Taín, en 2018, a un xornalista que lle preguntou se cría a Feijoo cando dicía ignorar a actividade delitiva do examigo. Foi moi claro: «Sí que me la creo. Yo ordené la detención de Marcial Dorado. Tenía los teléfonos intervenidos y sabía que ambos no tenían ningún negocio en común». E aclarou que en 1997, cando se fixeron as fotos nas que aparece con Feijoo, Marcial Dorado era un empresario respectado, propietario de dúas inmobiliarias, unha compañía de gasóleos e varias bodegas de albariño. Por iso, sempre que Pedro Sánchez acusa a Núñez Feijoo de que estivo compinchado cun narco, degrada a vida pública e sementa irracionalidade. En internet circulan vídeos nos que Feijoo pasou de «amigo dun narcotraficante» a «delincuente, protector de narcotraficantes». E menos mal que o xornal dixital Infolibre recoñeceu axiña como un erro a denuncia de que a Xunta presidida por Núñez Feijoo favorecera cunha subvención de 114.000 euros a empresa Sargadelos cando a muller ocupaba un cargo directivo; pero Pedro Sánchez xa lle fora ao lombo no Congreso.

Núñez Feijoo non o fai mellor. Na guerra sucia enzóufase ata as orellas e razóns ten para afirmar que estamos ante a peor política da democracia e que a clase política —incluída a do PP— é a peor dos últimos 45 anos. É certo, e no discurso do presidente hai un punto no que os demócratas deberían coincidir totalmente: non vale atacar a un político agredindo a súa familia, como se vén facendo con Begoña Gómez da forma máis procaz, afirmando que é trans e chamándolle Begoño en televisión e nas redes, sen que ninguén da dereita diga: «Non é isto, non é isto».

Pedro Sánchez non confía en que a cousa cambie: «Mi mujer y yo sabemos que esta campaña de descrédito no parará. Llevamos diez años sufriéndola. Es grave, pero no es lo más relevante. Podemos con ella». Pois ánimo.