«Era moi mañoso e gustáballe moito debuxar»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

O escultor da Baixa Limia construía os seus xoguetes con nabos e remolachas

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda o escultor Toño Monteiro (Ganceiros-Lobios, 1960) empeñado en demostrar que o aire é arte. E non dubiden que o fará cos pés na terra. Se a burocracia e os cartos o permiten, o campus de Ourense non tardará en levitar entre esferas escultóricas tinguidas de ciencia. É unha obra moi complexa, conta do seu máis ambicioso proxecto, «porque leva un 80% de enxeñaría e quere ser un chamado de atención sobre o medio ambiente e as enerxías limpas».

Fala Monteiro dese futuro conxunto escultórico ante o sorriso compracente da súa mestra da infancia, dona Esther. Ela non precisa grandes esforzos para recoñecer nese home de sorriso perpetuo e enerxía desbordante ao Toñito que construía carriños cos nabos e coas carolas das remolachas e que desfacía e refacía os cochiños de corda na súa aldea de Ganceiros antes de poñerse a xogar con eles. Alí, naquela infancia de terra, auga e aire, estaba xa a arte… e tamén a enxeñaría! «De neno gustáballe moito debuxar -asegura Esther González-, andaba sempre collendo os lapis. Tamén era moi mañoso e enredaba con cousiñas de todo tipo. Unha vez chegou á escola cunha bandeiriña pequena nun pauciño que el mesmo fixera e todos os rapaces arredor del porque todos a querían. Era tremendo; un día escapoume da clase e tivemos que andar a buscalo; e el… agochado para facer o chiste».

«Fisicamente, era un neno máis ben altiño e delgado -engade a mestra -. Era moi simpático e moi traste, pero tamén moi listo, como xa fora o seu pai, que foi alumno do meu. Os outros nenos queríano moito porque era alegre e moi aberto».

Daquela escola unitaria de Ganceiros, que na época de Monteiro andaba polos 40 alumnos, Toño lembra o terror ás vareadas coa goma da estufa de gas, brutal castigo dun dos mestres, e tamén o pánico ás vacinas: «Cando viñan os de Sanidade a pincharnos, faltaba a metade da clase!».

Eran os tempos do leite en po, que os nenos recibían na propia escola e que se preparaba alí mesmo, nun pote de auga quente que baixaban do piso de arriba, da vivenda dos mestres. E era unha época sen mochilas e sen grandes pesos para as costas infantís: «Tiñamos poucos libros, usabamos a famosa enciclopedia». Ao contrario que en moitas outras aldeas, na de Toño Monteiro a escola era un edificio nun estado bastante aceptable.

El, coma os demais nenos, tiñan de mestre principal a un home, don Ramón, pero os problemas de saúde facían que dona Esther se fixese cargo con frecuencia da aula masculina: «Con ela debín estar uns dous anos e, para min, ela sempre foi a mestra. Ademais, como as familias tiñan moita relación, vina sempre con cariño e nunca con medo. Era unha persoa entrañable».

O cambio de cidade

Aos 9 anos, a familia de Toño trasladouse a Ourense e a unitaria deixou paso ao colexio dos Rosais. Desa etapa básica, anterior aos estudos de FP na Carballeira, Toño lembra que lle gustaban as Matemáticas, as Ciencias, a Física… «A Historia, moi pouco e a Relixión, nada, pero a Relixión inculcábancha, tiñas que ir á misa». Nos Rosais descubriu a gran aventura de viaxar en autobús á escola e unha vocación docente que non chegou a consolidar: «Foi mestre meu Amadeo Rodríguez Barroso, que hoxe lle dá nome ao colexio; era un home recto, serio e moi bo profesor. A súa muller tamén era mestra alí, de Infantil, e, cando tiña que saír por algunha razón, buscábame a min para que quedase encargado da súa clase. A min sempre me gustaron os nenos e eu, con 13 e 14 anos, ía de profesor substituto: contáballes contos, dáballes cambalhotas… Estaban encantados comigo!». Despois dunha etapa de formación profesional na Carballeira, Toño Monteiro traballou de mecánico, viaxante e xardineiro. Un encargo na casa de Xaime Quessada transformou a súa vida: «Viu un estanque que lle fixen e fixouse en como traballaba as pedras. Un día díxome: Pasa para el estudio». E xa nada foi coma antes.

«Toño era un neno traballador, sempre con ansia de progreso; era alegre e gustáballe debuxar desde pequeno. Era moi bo, pero moi traste»

«Dona Esther era para min como da familia e, ademais de mestra, era veciña da aldea. Nunca a vin como unha mestra que infundise medo»