Verín celebra unha semana repleta de cultura polas Letras Galegas

LA VOZ OURENSE

VERÍN

O último día será a Gala das Letras Galegas
O último día será a Gala das Letras Galegas Carlos Montero

O Concello ofrece actividades de arte, danza, literatura e a tradicional gala

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Verín celebra a Semana das Letras Galegas do 10 ao 19 de maio cunha programación que ofrece literatura, arte, música ou danza. O remate final será a tradicional Gala Músico - Literaria das Letras Galegas. As actividades están pensadas para todas as idades e deseñadas para promover a lingua e cultura galegas e a figura de Luísa Villalta.

A programación arrinca o venres 10 de maio, ás 18:00 horas. A Biblioteca Municipal de Verín organiza unha sesión de conta contos e manualidades das Letras Galegas, dirixida polo seu voluntariado e enfocada aos seus socios e socias máis pequenos, de 3 a 9 anos. As inscricións son obrigatorias debido ás prazas limitadas.

O mércores 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar Salón de Actos da Casa da Cultura a presentación do libro: Os apelidos do Concello de Verín de Suso Lantes. Esta obra recolle o estudo filolóxico de máis de 1.000 apelidos do Concello de Verín e da comarca de Monterrei. Pretende aportar algunha luz sobre a historia persoal, familiar e social da zona porque defende que os nomes e apelidos son aspectos importantes da nosa identidade, confórmannos e infórmannos do que fomos e do que somos.  

xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, actuará no auditorio municipal de Verín a Banda de Música de Xinzo. Posteriormente, ás 20:30 horas, terá lugar a inauguración oficial na Sala de Exposicións a mostra sóloEdades, do artista verinés Fernando Barreira. Este proxecto multidisciplinar, que estará aberto ao público ata o 16 de xuño, conmemora os 44 anos de produción plástica do polifacético artista verinés. 

O propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, a Praza García Barbón acollerá, ás 12:30 horas, unha actuación de danza urbana contemporánea inspirada na obra de Xela Arias, Premio das Letras Galegas 2021. Intempestiva está interpretada e dirixida por Sabela Domínguez e Julia Laport. É unha expresión en movemento da fervenza creativa das novas xeracións.  

O sábado 18 de maio, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín será o escenario da representación do espectáculo Made In Galiza, de Sarabela Teatro. Unha obra de Sechu Sende (Padrón, 1972) que abre as portas ao humor re?exivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com, por cinco euros.

Por último, o propio domingo 19 de maio, ás 11:30 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín a tradicional Gala Músico - Literaria das Letras Galegas. Na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos galardoados no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez. O Conservatorio Profesional de Verín será o encargado de poñer o broche musical a este evento.