«Isto é moito mellor que ter que arrancar para Alemaña»

SANTIAGO

ALICIA PEDREIRA

Elabora no seu taller de Abellá gaitas, requintas, punteiros e pitos galegos

26 jul 2020 . Actualizado a las 20:48 h.

Unha gaita consta de materiais nobres, horas de observación, moitas de traballo e outras tantas de oído. E no caso das que nacen das mans de Suso Gestal, levan dentro, a maiores, altas doses de entusiasmo, ilusión e modestia. E quizais sexa iso o que fai únicos os seus instrumentos.

Todo comezou en setembro de 2012. Suso era case enxeñeiro industrial cando decidiu inscribirse na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Asegura que o levou ata alí a simple curiosidade dun gaiteiro afeccionado, pero ao final, foi o inicio dunha viaxe apaixoante, na que confluíron esas variables que todos soñamos con que cadren algún día nas nosas vidas. Atopou na fabricación artesanal de instrumentos musicais algo para o que tiña boa man, que lle encantaba e que ademais podía converterse nun medio de vida. E así foi. Coa valentía que require emprender grandes proxectos e o apoio incondicional dos seus pais mercou un torno, instalouno na casa e alí comezou «a fedellar».

Hoxe, con 24 anos, máis maquinaria, anacos de madeira, planos por todas partes e un lote de instrumentos, está convencido de ter atopado o seu camiño. «A min o que me gusta é andar neste barullo, isto está moito mellor que arrancar para Alemaña», sentenza sendo consciente de que nun momento no que o futuro de moitos mozos da súa xeración pasa por emigrar, poder traballar na casa, ao carón dunha estufa de leña para escorrentar o frío, é case unha fortuna.

Toca en todo canto grupo hai

Como tamén o é traballar sen darte conta do paso das horas. Ou que o traballo teña esa flexibilidade tan anhelada por moitos que permite conxugar todo o que unha mente inqueda como a de Suso quere e necesita facer. Porque ademais de fabricar instrumentos, «toco en todo canto grupo hai por aquí arredor», e dá clases a pequenos alevíns de gaiteiro. En resumo, «vivo todo o día metido no mundo da gaita», e iso é tamén unha maneira de promocionarse, porque «se fas un instrumento que soa de marabilla, non fai falta web nin facebook nin nada, a xente xa te coñece e pregunta por ti».

Do seu taller de Abellá, en Frades, saen gaitas, punteiros, pitos galegos e requintas, as súas favoritas. O proceso comeza cun anaco de madeira e un plano no que se albisca o resultado final. Pero para chegar a el, logo do traballo mecánico, quedan por diante longas horas de traballo co oído, «porque as máquinas non teñen orellas, e cando chega o momento de quitarlle o son ao instrumento, tes que saber que son estás buscando e como chegar a el». A afinación é o capítulo que máis lle gusta desta historia, colocar a palleta e ir probando, «con moita paciencia e a modiño».

E ao final, cando consegue que a súa creación quede perfecta, chega o peor momento: o da despedida. «Dame moita pena desfacerme dos instrumentos», confesa. Aínda así, o seu é un traballo moi agradecido porque «se a xente marcha contenta, eu estou contento», asegura mentres lle dá voltas a unha frauta típica de Irlanda, o seu próximo obxectivo.

Porque neste mundo, a observación e a experimentación son moi importantes. «Un día deime conta de que se facía o punteiro máis delgado por abaixo, alixeirábao e a palleta non tiña que facer resoar tanto material». Pequenos descubrimentos coma este son os que lle permitirán, algún día, fabricar unha frauta irlandesa coma esa do século XIX que o ten fascinado. «¡É incrible que hai tantos anos conseguiran facer un instrumento coma este sen Internet!».

Máis alá da frauta irlandesa

E no futuro, máis alá da frauta irlandesa, espera seguir medrando neste oficio minoritario que precisa ter garantido o seu relevo xeracional, e ver o día no que a artesanía se teña en conta como é debido. «Penso que canto máis avance a sociedade, máis se vai valorar o produto feito á man, porque a xente está chea de ver que todo é made in China». Ademais, Suso encarna esa proporción perfecta entre o ego e a humildade. Iso permítelle afirmar que «a xente alucina co que fago e, total, son un badanas coma outro calquera», algo que non fai máis que engadir valor a unha obra de arte e ao seu artista.