Máis de cincocentas mulleres reivindicarán en Melide a súa contribución ao sustento rural

La Voz MELIDE

MELIDE

XOÁN A. SOLER

O encontro conmemorativo de Alecrín, apoiado por CLUN, reunirá o domingo a vinte e unha entidades de toda Galicia

13 oct 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Melide volverá ser o espazo dende o que a muller rural reivindicará o decisivo papel que desempeña no desenvolvemento e sustento do medio no que reside. Logo de varios anos sen celebrarse por mor das restricións da pandemia, o «Encontro de Mulleres Rurais» volve á vila da man de Alecrín, a asociación que, dentro da comarca melidá, representa ao colectivo. A xuntanza será este domingo, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, e a ela asistirán máis de cincocentas galegas, dispostas a «darlle visibilidade á muller rural para que as institucións nos teñan máis en conta», di Aurora Fernández, presidenta de Alecrín.

O colectivo adquiriu para a xornada o compromiso de vinte e unha asociacións de mulleres rurais de toda a comunidade. Procedentes de Riós, Padrón, Rois, Cervo, Castro de Rei, Friol e Cuntis, entre outros municipios galegos, as asistentes están chamadas a participar dun programa que lles achegará diferentes experiencias profesionais e persoais, como as das dúas emprendedoras melidenses, e a da asociación de mulleres que recibirán un recoñecemento ao seu traballo por parte da organización. Os nomes das mulleres e do colectivo que serán premiados gárdaos con celo, ata o domingo, a presidenta de Alecrín, que subliña a colaboración no encontro da cooperativa CLUN, e, de xeito particular, da súa vicepresidenta, e tamén presidenta de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, «sempre disposta a apoiar», destaca Aurora Fernández.

O «Encontro de Mulleres Rurais», que alcanza en Melide a súa terceira edición, será, ademais dunha xornada para darlle visibilidade e para reivindicar o seu recoñecemento, unha ventá aberta á promoción do comercio, do patrimonio, e dos doces e licores melidenses. O programa invita a unha visita pola vila un domingo de feira, outra ao museo comarcal, e, xa no xantar de confraternidade, non faltarán os produtos locais.