O IES de Melide é plataforma para facer chegar a música en galego á mocidade

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

Cedida

A tradición mestúrase con rock, punk ou rap no festival Presume de Galego

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Coa certeza de que o futuro é incerto, Fernando Casal di, con reservas, pero sen dubidalo, que ten «asegurada» a xubilación. Hai oito anos que o xerente da sala de concertos que foi pioneira en Melide —o Pub Gatos— se implicou no proxecto co que o Equipo de Normalización Lingüística do IES de Melide persegue dar a coñecer a música galega —tradicional ou non — entre a mocidade. E «vaise logrando», di Casal, que pon de aval testemuños como os dos irmáns Mateo e Brais Varela, de Kase7e, un grupo novel de punk-rock integrado por mozos melidenses. Pese a que o máis novo bota en falta un maior respaldo institucional e mediático, comparte a percepción do seu irmán de que «cada vez hai máis xente nova que fai música en galego». E nesa conta caeron cando, lembran, «o ano pasado, vimos rapaces de 14 e 15 anos cantando e bailando, e pasándoo moi ben».

Falan do concerto que ofreceron dentro do «Presume de Galego», como así se bautizou hai oito anos a campaña coa que o IES melidense divulga os artistas galegos entre o alumnado. A iniciativa está calando entre a rapazada. A resposta, este venres, ao concerto que ofreceu Amoebo, o artista convidado que levou ao escenario da Sala Gatos a súa particular versión da verbena galega, foi satisfactoria. E por si soas falan igualmente as palabras de Tristán González. Este rapaz melidense, coñecido artisticamente como Verdini, tamén amosou no festival o seu talento facendo rap.

«Penso que estamos nun bo momento para a música en galego [...]. Hai moitos artistas que están facendo rap, trap, reguetón, estilos que tal vez chegan máis á xuventude, e axudan, polo tanto, a que a xente poida escoitar música en galego», apunta. Para Carlota Casal, tamén ex alumna que participou no faladoiro que sobre a situación da música en galego acolleu o instituto de Melide no marco do «Presume de Galego», no actual contexto resultou determinante «o fenómeno Tanxugueiras», que, ao seu xuízo, supuxo «un punto de inflexión na xente nova». Para esta moza melidense, iniciativas como a do instituto no que estudou «fomentan que siga sendo así».

Boas expectativas de futuro

A radiografía que fai Miguel Varela arroxa igual diagnóstico. Para este gaiteiro de Melide, profesor de baile e música tradicionais, «vivimos un bo momento, porque a xente atrévese a cantar en galego e a levar a música fóra de Galicia», pero, matiza, «outra cousa é ter un grupo e poder vivir deso, ou poder tocar, porque en Galicia faltan circuítos, e a industria musical é moi cativa». Da aceptación da música en galego tampouco hai que convencer ao xerente da Sala Gatos, que entende que «cada vez hai máis variedade, e calidade tamén». Augúralle un «futuro prometedor», afirma, e, apunta, na súa evolución, éxitos anteriores aos cultivado polas Tanxugueiras, «como tiveron Os Resentidos, Andrés do Barro, Siniestro Total, aínda que cantaban maioritariamente en castelán, Daikidarría, Nao, e Ruxe-Ruxe, que sempre tiveron cabido máis aló do Padornelo».

Algúns deses artistas descubríronselle ao alumnado do IES de Melide no «Presume de Galego», onde debutou a banda de rock Cuarta Xusta. Lémbrao, dende o Equipo de Normalización Lingüística do centro educativo, Marga Quintela, que destaca da iniciativa o «entusiasmo» co que a acolleu a comunidade educativa, e a especial implicación do alumnado, que «participa de xeito activo tanto na organización en si, como actuando e teloneiros da banda convidada, e realizando o deseño do cartel, das entradas, e das camisetas promocionais», conta. Aida González é a alumna de secundaria que deseñou a imaxe da presente edición do festival, no que cooperaron estudantes de bacharelato, como Mar Rodríguez e Idaira Vázquez. Para elas, o festival «achega á xente moza grupos que non sempre son coñecidos». Tamén contribúe a música que durante todo o curso soa no centro á hora do recreo: é de bandas galegas. A colaboración da escola de baile e música tradicionais Herba Grileira, e a do Concello melidense forman parte da implicación social da que fala Quintela cando explica «como a partires dunha actividade concreta se chegou a construír un proxecto entusiasta que foi premiado, no 2019, co Mil Primaveras Máis como o mellor proxecto de fomento do galego na mocidade».